Noia - A Coruña, 2 de xaneiro de 1936. Aparellador e Arquitecto Técnico pola Universitat Politécnica de Catalunya, traballou nas empresas construtoras Agroman, de 1958 a 1961, en Barcelona, e Dragados y Construcciones en Galicia, dende 1962 ata a súa xubilación en 1999. Foi, á vez, profesor na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica de A Coruña, ininterrompidamente dende o curso 1975-1976 ata o 1999-2000.
Logo da descoberta de Galicia en Barcelona, adoptará un compromiso firme co país de nacencia que o levará a participar activamente en numerosas tarefas asociativas e en iniciativas e proxectos de carácter cultural, concienciador e político. De aí que fora:
-Vicesecretario do Centro Galego de Barcelona (1958-1961).
-Promotor do grupo cultural galeguista Mocedade Galega de Barcelona (1960).
-Presidente da Agrupación Cultural 'O Facho' (1966-1979).
-Vicepresidente da Coral Polifónica Follas Novas (1967-1069).
-Membro dos consellos das editoriais SEPT (1969-1975) e Galaxia (1972-1980).
-Membro fundador da aula coruñesa de cultura 'Lume' (1975), da revista infantil e xuvenil "Vagalume" (1975), da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA, (1976), da Sociedade Cultural "Escola Aberta" (1978), e da Fundación Castelao (1983). Asemade participou no nacemento das revistas "Teima" (1976) e "Tempos Novos" (1997).
-Formou parte da Xunta de Goberno do Colexio de Aparelladores e Arquitectos Técnicos da Coruña entre 1975 e 1978, e foi membro electo, entre o profesorado, do Claustro Constituínte da Universidade da Coruña (1991).
No ano 1964 intégrase no grupo fundacional do Partido Socialista Galego, PSG, ocupando cargos de responsabilidade en diversas etapas, e formando parte das súas listas nas primeiras eleccións ao Congreso de Deputados (1977), e na candidatura electoral Unidade Galega (PG, POG, PSG) para o concello de A Coruña no ano 1979.
Na década dos anos 80 colaborou asiduamente no xornal "La Voz de Galicia" en varias das súas seccións, sobre todo na epigrafiada 'Temas del país'. Interveu en numerosas actividades como conferenciante, mantedor e xurado, e como profesor en seminarios, cursos de verán, másters e relatorios relacionados coas construcións populares, tanto no ámbito das universidades galegas como no de colexios profesionais relacionados coa arquitectura e das asociacións culturais. Tamén leva participado en numerosas publicacións colectivas con temáticas diversas e, froito da súa experiencia profesional, docente e asociativa, son varios os traballos da súa autoría que viron a luz en libros:
1980. Pro e contra da liturxia en galego. Historia dunha polémica (SEPT), en colaboración con Xosé Manuel Rodriguez Pampín. Libro que recolle a viva polémica xerada ao declarar a xerarquía católica galega no ano 1965 ao idioma castelán como a lingua vernácula de Galicia, o que desatou un amplo e enérxico movemento reivindicativo dentro e fóra do país.
1988. Sobre Galicia como responsabilidade (Ediciós do Castro). Contén diversos traballos concienciadores, a maioría deles publicados en "La Voz de Galicia", sobre temas culturais e sociopolíticos relacionados co acontecer da vida galega.
1997. "A casa-vivenda". Traballo de 165 páxinas integrado no volume I de Antropoloxía Cultural, tomo XXIII do Proxecto Galicia de Hércules de Ediciones.
1999. A casa popular e As construccións adxectivas (Cadernos do Museo do Pobo Galego, números 8 e 9). Reeditados no ano 2002.
2003. As construccións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia (Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos), con tres edicións. Nova edición en 2006, tamén en castelán, por Hércules de Ediciones.
2006. Dun tempo e dun país (Laiovento). Abrangue artigos e discursos varios e relatorios relacionados coas construcións populares.
Obtivo os seguintes recoñecementos:
Premios de investigación XIX Premio Antón Losada Diéguez (Boborás-Ourense) e XXVII Premio da Crítica-Galicia (Vigo), no ano 2003, pola obra As construccións da arquitectura popular; Premio San Martiño, da Asociación 'O Brado' (A Estrada-Pontevedra), na súa XII edición, pola “defensa e promoción do idioma galego”, no ano 2004; Premio “Pendello de Honra”, da Asociación de Amigos dos Pendellos d´Agolada (Agolada-Pontevedra), no ano 2005, polo libro As construccións da arquitectura popular; Premio “Pola promoción da Terra”, da asociación Irmandade “Moncho Valcarce” (A Coruña), no ano 2008; Medalla “Manuel Gómez Román”, da Asociación de Amigos do Castelo de Maceda Setestrelo (Maceda-Ourense), “pola súa contribución a crear no País un clima propicio para a recuperación dos nosos valores arquitectónicos tradicionais” , en outubro do 2010.
É patrono do Padroado do Museo do Pobo Galego dende a súa apertura no ano 1977 –exercendo entre 1993 e 2008 de Contador e Secretario da súa Xunta Reitora, da que segue sendo Vogal–, e desde decembro do 2005 académico correspondente da Real Academia Galega. Na actualidade preside a Fundación Pedrón de Ouro –institución da que forma parte dende o ano 1983–, e é conselleiro do Consello Social da Universidade da Coruña, elexido polo Parlamento de Galicia a proposta do Bloque Nacionalista Galego, no ano 2003. É socio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), da Asociación Cultural Barbantia, e pertence á plataforma ProLingua.
[Decembro, 2010]