Manuel
Bragado

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre e editor retirado. Foi Director Xeral de Edicións Xerais de Galicia S.A., dende o mes de xaneiro de 1994 ao de abril de 2018, empresa na que traballou dende 1990. Licenciado en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago (1976-1981), foi profesor da materia «Edición e actividade editorial» do Mestrado en Edición 2009/2010 das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

Foi mestre orientador no CEIP Lope de Vega de Vigo (2018-2019), CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela (2019-2023).

É presidente da Asociación Premios da Crítica de Galicia, secretario da Fundación Luzes e membro do consello editorial da revista Luzes, socio de AELG, socio do Real Club Celta, membro do Instituto de Estudios Vigueses, do padroado da Fundación Celso Emilio Ferreiro, da Sociedade Jules Verne de Vigo, de ProLingua, de Nova Escola Galega, do STEG, do Ateneo Atlántico e de Amnistía Internacional.

Foi presidente da Fundación Luzes (2019-2023), da Asociación Galega de Editoras (2010-2014), de Culturgal (2014-2017), da asociación pedagóxica Nova Escola Galega (1986-88), director da Revista Galega de Educación (1986-2000), membro da sección de «Lingua, literatura e comunicación» do Consello da Cultura Galega e redactor do documento «Lingua e edición» da ponencia de Lingua e Cultura do Proxecto Galicia 2010.

Colaborador de diferentes medios de comunicación, participou no consello de redacción d’ A Pizarra (suplemento de educación de Faro de Vigo, 1982-1986), Na escola (suplemento de educación de La Región e Atlántico diario, 1987-1989).

Colaborador de Faro de Vigo, publica semanalmente, dende o mes de agosto de 1999 e de forma ininterrumpida, a sección «Campo de Granada», sobre actualidade socio-cultural de carácter local (1.338 artigos publicados até 12 de maio de 2026), pola que obtivo o Premio Gómez Román (2000) convocado polo concello de Vigo e o premio de xornalismo Fernández del Riego 2014, así como tamén o espazo «Campo do Fragoso» de reflexión futbolística (310 artigos até 12 de maio de 2026) e as columnas «Contafíos» e «Análise» sobre libro, lectura e edición de Nós diario.

Colaborador da revista Luzes, Praza Pública, Galicia Confidencial, Sermos Galiza,A Movida, Tempos novos e da Radio Galega dende 2000, participou semanalmente e durante unha década na tertulia do programa informativo «A Crónica».

Dende 2005 mantén aberto o blog Brétemas (https://bretemas.gal) onde realiza un seguimento de temas editoriais, literarios, políticos de actualidade, con especial atención á nova literacidade electrónica e aos futuros do libro. Conforma a súa identidade dixital cos seus espazos en Facebook, Twitter, Instagram, Pinterest e Bluesky. Por este traballo recibiu o Premio AELG Blog Literario 2010, o Premio Fervenzas Literarias ao mellor blog dos anos 2009, 2010, 2011 e 2012 e o Premio Gala do Libro Galego 2019 a traxectoria dun proxecto literario na rede.

Ten dirixido a elaboración e os proxectos didácticos de máis de catro centenares de libros de texto dirixidos á educación non universitaria; deseñou e dirixiu varias colección de literatura e literatura infantil e xuvenil, publicou varios libros de carácter pedagóxico, estudos sobre o estado da edición en lingua galega e o libro para primeiros lectores Dona Carme (Ir Indo edicións, 1989), ilustrado por Pepe Carreiro, reeditado por Triqueta verde (2025), ilustrado por Iván Ra, que recibiu o premio da Fundación Cuatro Gatos aos mellores libros infantís de 2026.

Comprometido co proxecto da recuperación da memoria viguesa publicou os libros Vigo, puro milagre (Xerais , 2019), Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de ensaio e investigación 2019; Vigo, abella da ribeira (Xerais, 2023), onde reuniu textos xornalísticos de Campo de Granada; Vigo na liña do tempo (Instituto de Estudios Vigueses, 2025), finalista do Premio Follas Novas ao mellor libro de divulgación; e Afouteza Celtista. Gramática do fútbol celeste (Lusco Fuscoedicións, 2026). Coordinador local da exposición Vigo no tempo (2023-2024), é autor do ensaio «Vigo, nace sempre», incluído no catálogo homónimo.

Polo seu labor como editor en lingua galega recibiu o Premio de honra do Hematofesti (2024), o Premio honorífico da edición da Asociación Galega de Editoras (2025), a homenaxe do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2026) e foi nomeado Socio de honra do Ateneo Atlántico de Vigo (2025).

[Maio de 2026]