Luísa
Abad

Nacín no verán do 1951 nun barrio da cidade da Coruña que tiña mar e castelo en ruínas. O camiño cara á escola durante toda a infancia foi fonte de aprendizaxes de vida. Entón a rapazada iamos en grupo, e tanto á ida coma a volta, falabamos do importante sen influencias adultas, igual cazabamos ras que píntegas. Miña nai líame poemas de Rosalía e de Bécquer que tiña copiados nunha libretiña. La Voz de Galicia era o xornal que chegaba cada día á unha casa onde non había libros, salvo os de texto.

Aos dez anos fago a proba de ingreso e comezo bacharelato no instituto feminino da Praza de Pontevedra (o único que había na cidade). Amplío horizontes. O camiño ao cole eran moito máis longo e polo tanto eran moitas máis as oportunidades de descubrir o mundo, de charlar coas amigas e tamén de intercambiar libros. Xa entón comezaron a interesarme sobre todo os escritores rusos.

Con dezaseis anos inicio estudos de maxisterio na Escola Normal que quedaba aínda un pouco máis alá. Había que cruzar cada día polo paseo da praia de Riazor. Na clase de literatura a profesora fala dun novo escritor: García Márquez, e quedo namorada da súa escrita. Comezo a mercar libros para ler.

É nesta época cando fago o meu primeiro curso de lingua galega grazas a asociación cultural O Facho. Na ditadura a lingua do país tiña prohibidos moitos ámbitos e se ben na miña casa a miña familia falaba en galego, ás criaturas falábannos en castelán. Leo a Rosalía, Castelao, Neira Vilas, Blanco Amor, Cunqueiro ... E tamén a Carlos Casares, Manuel Rivas, María Xosé Queizán e Suso de Toro.

Son mestra rural con dezanove anos en Muxía, Cabanas, Lousame e Mesía. Simultaneo a escola cos estudos comúns de Filosofía e Letras en Santiago.

O mar vai ineludiblemente vencellado á miña vida como decorado de fondo. Cando escollo facer estudos de pedagoxía, elixo para vivir Barcelona, que tamén é marítima. Aló tiven á miña filla e ao meu fillo maior. O pequeno nacería en Vigo cando decidín volver a Galicia.

Mentres tanto, o país vai cambiando con moito esforzo e traballo: da ditadura á democracia. Aire fresco. Traballo como mestra de infantil e primaria, tamén como Asesora de Formación Permanente de Educación Infantil e de Coeducación durante nove anos no centro de Formación do profesorado (CEFORE) de Vigo. É neste momento cando escribo artigos e libros sobre o quefacer pedagóxico. A proposta da editorial Xerais escribo o meu primeiro libro individual, Manual para coeducar na escola infantil (2008), e colaboro noutros colectivos que editan o Concello de Vigo ou a Consellería de Educación.

Fago as oposicións a secundaria pola especialidade de orientación e exerzo durante dez anos como orientadora escolar en institutos de Vigo e A Coruña. Continúo escribindo sobre todo sobre igualdade entre os sexos.

Coa xubilación comezo a escritura creativa ao tempo que paso por distintos obradoiros poéticos impartidos por Dores Tembrás, Yolanda Castaño e Antía Otero. Con ela aínda asisto na actualidade a clases en Apiario. Publico dous poemarios: O punto de maduración e Limaduras de prata. Este último durante o proceso de tratamento con quimioterapia dun cancro.

Na actualidade continúo a ser divulgadora habitual sobre temas de coeducación e titora de cursos online sobre igualdade en asociacións e na Consellería. A escrita é para min un goce.

Os libros que levo publicado ata o de agora son:

- Coeducar na educación infantil (Xerais).

- Manual para coeducar na educación infantil (Xerais).

- Anén-Onén (Concello de Vigo).

- Datas e datos (Concello de Vigo).

- Maltrato entre iguais (Xunta de Galicia).

- No sexo, guíate ben (Xunta de Galicia).

- A igualdade como solución (Xunta de Galicia).

- Alén do silencio (obra colectiva).

- O punto de maduración (edición agasallo).

- Limaduras de prata (poemario solidario para Asociación Española contra o Cancro).

Ademais, colaboro con publicacións galegas como Faro de Vigo, Nós Diario, AS-PG, etc.

[Setembro, 2021]