
Luís Valle (Lugo, 1977), poeta, humanista e xestor e consultor cultural con formación de posgraduado en dirección de empresas, patrimonio histórico, políticas culturais, filoloxía e didáctica polas Universidades de Santiago de Compostela e Oberta de Catalunya, e o Consello Superior de Investigacións Científicas. Leva vinte e cinco anos traballando en universidades, arquivos e museos, así como coordinando desde distintos departamentos da Xunta de Galicia a organización e comunicación de numerosos proxectos educativos, culturais e turísticos tanto en España coma en diversos países de Europa (Portugal, Francia, Italia, Alemaña, Inglaterra e Hungría), África (Angola e Guinea-Bisáu), Asia (China) e América (Arxentina, Colombia e Brasil).
Actualmente, traballa como consultor e director de proxectos nacionais e internacionais de planificación estratéxica e xestión patrimonial. Entre outros, foi coordinador científico e técnico dos traballos de documentación do patrimonio cultural de Galicia (Next Generation EU/MRR, Xunta) ou asesor do “Plan Estratéxico da Cultura de Ferrol” (Concello de Ferrol / Trivium), e é consultor e coordinador técnico de RUTEALC, incubadora de itinerarios culturais de América Latina e o Caribe (Organización de Estados Iberoamericanos / Trivium), coordinador formativo da Ruta dos Tambores do Atlántico (OEI Portugal, Camões I.P. / Trivium) e consultor da Oficina Técnica para a xestión do concurso internacional de iluminación da contorna monumental da Catedral de Santiago (PST-SC / Concello de Santiago de Compostela).
Como poeta en lingua galega, ten dado ao prelo once obras individuais publicadas polo Centro PEN Galicia, Sotelo Blanco, Barbantesa, Galaxia, Malefera e Xerais: A caída (2009), Fedor (2011), Caderno do mendigo (2011), As cicatrices do Sol (2015), Trona, o merlo (2015), Para que eu beba (2017), Óstraka (2019), Alianza (2022), As asuras (2023), Insomnia (2025) e Somos (2025), títulos polos que obtivo os premios Afundación, Eusebio Lorenzo Baleirón e Manuel Lueiro Rey, figura en diferentes antoloxías (Poetas en Lugo, XXV aniversario do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Poética Suída, Lupercais, Versos no cartão etc.), abondosas obras en coautoría (Sempremar, Isidro Novo (1951–2018), Librosconversos, #pasaxeiras etc.) e revistas (Cintilações, Boletín Galego de Literatura, Dorna, Oresteia, Altazor etc.).
En conxunto, como autor de ficción, comisario, investigador, crítico de arte e tradutor, participou na escritura de máis de corenta libros en galego, castelán, portugués, inglés e chinés, ten realizado máis dun cento de colaboracións con diversas publicacións periódicas xeralistas e científicas, dirixido revistas como Evohé, e tomado parte en numerosos encontros e recitais poéticos nacionais e internacionais. A maiores, no eido artístico, realizou diversas exposicións da súa obra plástica e colaborou con algúns proxectos musicais como os discos Óstraka de Marcos Pin ou Lobos de Davide Salvado.
A súa vocación é gozar da vida, a familia, os amigos, os libros e as lecturas e ir completando aos poucos o seu proxecto de obra, concibido dende o principio da súa escrita consciente (xuño de 1997) como unha indagación das posibilidades expresivas da poesía; experimentando —formal, emocional e intelectualmente— do poema breve ao extenso; escribindo, reescribindo e eliminando o que, ao seu entender, sexa preciso para modular a derradeira palabra e tallar o texto que, definitivamente, cale.
[Xaneiro, 2026]
