Lois
Pérez

Lugo, 2 de xuño de 1979. Son mestre do ensino público, actualmente traballo como representante sindical do STEG (Sindicato de traballadoras e traballadores do ensino de Galiza), fun xogador profesional de fútbol sala (a disciplina non perdeu gran cousa coa miña retirada) e teño o título de soldador de oxiacetilénica (porque nunca se sabe).

En 2008 gañei o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico coa peza Saltimbanqui (dirixida e adaptada por Quico Cadaval e interpretada ademais del por Xosé Olveira "Pico" e Xan Cejudo, malia non ter un gran título)
Houbo tamén algunhas distincións menores (unha mención especial no Pedrón de Ouro polo relato "A corrente salvaxe" en 2009, o segundo premio no Certame de Ames e relato gañador no premio de Noia, no 2010 e 2011)... Houbo algunha outra.

Emerxente Editora publicou o meu poemario LP en 2013, dedicándolle o Diario Cultural a súa páxina de poesía e unha reportaxe sobre o libro. O ano pasado o espazo “Onda Vital” da Radio Galega Música dedicou un programa enteiro sobre o libro e o que queda de seu autor. De igual xeito, participei no Festival de Mondoñedo de Poesía en 2015 e no “Ponme un Poema” de Allariz en 2016.

Como narrador oral, humorista e comediante teño actuado e fágoo de xeito máis ou menos regular en institutos, feiras do libro, universidades, escolas de idiomas, teatros, museos, pubs, bares, cárceres e demais lugares de marcado carácter cultural. No verán de 2015 actuei en Lima, Perú, no Teatro Federico García Lorca.

No eido do ensino cómpre dicir que teño coordinado varias iniciativas normalizadoras, todas elas premiadas pola administración educativa ou por entidades privadas vinculadas ao ensino. No curso 2009/2010 coordinei o proxecto Premio de Innovación Educativa en Normalización Lingüística "Mergullados nos mares da palabra" no CEIP de Sofán (Carballo, A Coruña) e o proxecto "A imaxinación no peto", Premio Antonio Fraguas. No curso 2010-2011 coordinei o proxecto de normalización lingüística "As palabras que soñan co vento" no CEIP de Bemantes (Miño, A Coruña), cualificado de "pioneiro" e seleccionado pola administración educativa para ser exposto en Lugo, Santiago, Coruña e Ferrol nas Xornadas de Normalización dese mesmo ano. No curso 2011-2012 coordinei o proxecto de normalización lingüística "Irradio Lingua" no CEIP de Barrantes (Tomiño, Pontevedra), sendo valorado coa mellor puntuación canda o da ESAD de Vigo.

Fun relator dos Cursos de galego para Funcionarios en prácticas desenvoltos nos CEFORES da Coruña, Santiago, Lugo e Ferrol en 2010 e 2011.


[Setembro, 2016]