Lito
Vila Baleato

Lito (Manuel) Vila Baleato, nado en Alemaña en 1978, é un profesor e escritor galego.

Fillo de emigrantes galegos, medrou no barrio de San Pedro de Santiago de Compostela, cidade na cal estudou Filoloxía Alemá e Hispánica na USC. Despois de rematar os seus estudos con estancias grazas a bolsas Erasmus na Universität Paderborn e na University of Manchester, volveu emigrar a Alemaña, onde impartiu clases varios cursos na mesma universidade na que fora estudante de intercambio, antes de pasar ao ensino secundario, onde exerce actualmente o seu labor docente.

En Alemaña ten publicado numeroso material didáctico, varios libros de texto de Español como Lingua Estranxeira (Encuentros, A tope, Apúntate) para educación secundaria e seis lecturas graduadas para escolares e público xuvenil na editorial Cornelsen Verlag. Escribe o blog La generación de la burbuja en El Correo Gallego para describir a súa visión de feitos actuais dende a súa perspectiva como emigrante en Alemaña.

En 2018 apareceu a súa primeira novela en lingua galega Campus Morte, que en menos dun ano acadou xa cuarta edición.

No mes de maio de 2019 Campus morte resultou a novela gañadora dos XV Premio Frei Martín Sarmiento na categoría de bacharelato e adultos.

[Maio, 2019]