Juan Tallón, natural de Vilardevós (1975), é licenciado en Filosofía e traballa no eido do xornalismo e a comunicación.
A autopsia da novela (2007) é a súa primeira obra longa de ficción, un xénero xa frecuentado dende o relato curto, participando en diferentes publicacións colectivas. Autor, asemade, de Jacinto Santiago. Escenario grotesco e exemplar (1998) unha biografía sobre este político, mestre e xornalista ourensán, Juan Tallón obtivo coa súa primeira novela o VI Premio Pastor Díaz, un galardón que se engade ao VI certame de relatos Francisco Fernández del Riego, e ao III concurso de Narrativa Erótica A Máquina de Vapor.
A autopsia da novela, que arranca coas pautas clásicas da literatura negra, presentando os preceptivos cadáver, investigadores e asasino, axiña toma un trazado narrativo no que o autor opta por ponderar a evolución psicolóxica das personaxes sobre o movemento da trama policial.
Non estamos, superada a fase na que se presenta o crime, ante o debuxo literario no que mediante a observación, a análise e a dedución lóxica aplicada a un feito, se busca ao autor dos crimes e os móbiles que o empuxaron a actuar de xeito criminal. Tradicionalmente o interese da novela negra xira sobre o argumento, cuxo desenvolvemento demanda atmosferas específicas, personaxes antitéticos, e sobre todo, doses de misterio e suspense debidamente dosificadas. A novela de Juan Tallón prescinde destes compoñentes subliñando os conflitos internos das personaxes tradicionais que actúan na novela negra por encima dos conflitos que alimentan unha trama policial. O drama interno das personaxes imponse á arquitectura que sostén o xénero.
Non só iso: a apreciación da novela como un espazo que é posible atravesar polo medio, grazas a un proceso de creación espido, adquire a natureza de tema narrativo, e nese senso A autopsia da novela defínese tamén como unha obra sobre os procedementos internos que moven a literatura. Trátase, en fin, de que a obra derrube os límites da súa apreciación, permitindo que o lector non só se mova arredor da narración, como é habitual, senón que a transite por dentro. Porque o proceso de creación, no fondo, tamén pode ser un espazo percorrible. Unha estancia.
A metaficción que Juan Tallón desenvolve nesta libro abre en canal a novela, deixando á vista os seus órganos vitais, as tripas, algunha víscera, feito que permite achegar ao lector os procesos e a dialéctica da escritura.
[Febreiro, 2008]