Profesor de Primaria e Secundaria (dende o ano 1990), coa especialidade de Filoloxía (Lingua Castelá, Lingua Galega e Lingua Inglesa), é membro fundador e directivo da “Irmandade Poética e Artística Galaico-Lusa” (21 de xullo de 2018).
Din del que profesa no romanticismo, como digno herdeiro dos poetas románticos, enaltecendo primordialmente ao amor, sen desatender, xunto coas pulsións do corazón, tamén as da natureza. Sobre todo enaltece a figura da muller e con ela viaxa da man da sensualidade, do erotismo, da paixón, alcanzando o éxtase coa súa amada (Antonio Reigosa). Tamén é un namorado da terra-nai e así o deixa ver nos seus versos.
Desfruta das súas actividades favoritas: o deporte, o sendeirismo, a lectura, a música e sobre todo as viaxes. Cre que os libros e as viaxes son as fontes de cultura máis importantes das que dispón o ser humano. É un lector empedernido e un amante da cultura en todas as súas expresións.
Foi monitor de grupos de mozos e mozas españois en Irlanda durante varios veráns, polo que a illa esmeralda, así como a súa literatura, deixa forte pegada na súa obra.
[Xullo, 2019]