Jorge Emilio Bóveda (Ourense, 1975) é mestre de profesión, especializado no ensino da Lingua Inglesa, tamén é un escritor vocacional, que practica o ensaio de tema literario (A xanela insólita), o ensaio de tema cinematográfico (A xanela escura. Único libro en galego que estuda os alicerces do xénero chamado “terror”), o relato breve (A palabra salvaxe) e, especialmente, a novela, destacando obras como a triloxía de novelas de Leopoldo Pardo (As sete mortes de Leopoldo Pardo), Eternos propietarios, Anoitece en Vulgaria ou Caixa B, entre outros moitos títulos.
Tamén participou en diversas escolmas literarias, entre a que destaca as coleccións de relatos da editorial Contos Estraños e colabora regularmente cos seus escritos na Revista INviable, da cal é un dos membros fundadores. Destaca a súa capacidade para mesturar harmonicamente os máis dispares xéneros e rexistros literarios, estilo que reflicte nas súas obras narrativas, as cales forman parte dun mundo literario propio, ao mesmo tempo fantástico e descarnadamente real.
Jorge Emilio Bóveda amosa, co seu inconfundible estilo literario, unha capacidade admirable para mesturar, por exemplo, a retranca coa traxedia ou o esperpento co mito ancestral, integrando o realismo máis descarnado en universos fantásticos. En todas as súas obras lémbranos que nun mundo aparentemente ruín e prosaico inda hai lugar para a maxia, para o mito ou tamén para o heroísmo.
Francisco Javier Fontenla. Profesor de Lingua e Literatura españolas.
[Maio, 2025]