Gabriel
G. Esteves

Nacín un mércores nove de abril do ano 1980, ás catro menos cuarto da tarde, nun hospital da capital de Francia, París, departamento de Île-de-la-France.

Aos 15 meses a miña familia volveu para Galiza. Vivín até os 18 anos en Vigo. A esa idade entrei na Universidade de Santiago de Compostela, para cursar Filoloxía Galega, o que provocou que, aos poucos, me fora desvencellando da cidade olívica a prol da apostólica, na que sigo a vivir actualmente, tras doce anos.

En 2004 acabei os estudos e, desde aquela, combino a ampliación da miña formación (cursos de diferente índole, Filoloxía Portuguesa...) con traballos variados mais nunca fixos, relacinados cos meus estudos (tradución e correción, aulas particulares, profesor...) ou non (hostalaría...).

A miña "vocación" (por chamalo dalgunha maneira) creo que xa naceu cando me topaba alimentándome do líquido amniótico de miña nai, e de certo penso que herdei dela a miña vertente literaria. Aos 13 anos gábome de escribir a miña primeira novela, en castelán, froito do ambiente diglósico onde me encontraba; social (ambiente urbán castelanfalante), mais non familiar (a miña primeira lingua foi o galego).

Até os 17 cultivei só a narrativa. A esa idade comecei a cultivar a miña vea poética aínda que, a medida que foron pasando os anos, o cultivo desa vea foi minguando.

A miña obra adulta áchase practicamente inédita, e resúmese en catro novelas (O aramado, A espiral, Crónicas, Matrioskas), un libro de contos (Contos de outrén), e tres poemarios (Folerpas e brasas, Os versos furtados -xuntados baixo un mesmo título: Interludio- e Xeografías, cartografías e outros mapas).

Durante dous anos (2000-2002) colaborei na revista A Caramuxa, de Noia, elaborada polo colectivo Sacou, onde se achan poemas e artigos da miña autoría.

De todos os concursos literarios aos que me presentei só tiven a sorte da gañar dous, e os dous no terreo do conto. O primeiro foi en 2000, o I Premio "Vozes da Terra", convocado polos Comités Abertos de Facultade, de Filoloxía da USC, con tres contos agrupados nun mesmo título (O amor a través dos tempos) publicados e distribuídos por bibliotecas e centros culturais xunto cos outros gañadores. O segundo foi en 2005, o primeiro premio do certame "Na Vangarda", organizado pola Xunta, na categoría de relato longo. Xunto co segundo e terceiro premio (alén dunha mención de honra) o relato, titulado Moçalomihi, foi publicado e distribuído por bibliotecas e centros culturais, aparte de ser vendido en librarías.

Actualmente tiven a oportunidade de publicar a miña última novela, Matrioskas, na editora Sotelo Blanco, mais, por mor da crise e do descenso das vendas, e ao ser eu un autor descoñecido, a devandita publicación foi truncada.

Aínda así, continúo a escribir, xa que esa é e será a miña paixón.

[Setembro, 2010]