Francisco Coimbra (Madrid, 1986) é filólogo e profesor universitario. Actualmente traballa no departamento de linguas románicas da Ludwig-Maximilians-Universität na cidade de Múnic, Baviera-Alemaña, onde promove a intercomprensión entre as linguas desta familia dende unha perspectiva ecolingüística.
Adoptou o galego como lingua de expresión literaria durante os seus primeiros anos de formación, cando estudaba Filoloxía Románica, e pasou varias tempadas en Santiago de Compostela para profundar os coñecementos da nosa lingua e da nosa literatura. Daquela publicou os seus primeiros poemas –Flor de Inverno, An Gorta Mór– e contos –Caro sangue, Pasar-ela– na Revista de Estudos Galegos da UCM Madrygal. Máis tarde trasladouse ao Brasil, onde fixo doutoramento en Estudos da Tradución e traballou como profesor na Universidade Federal do Paraná, en Curitiba, durante dez anos, promovendo os Estudos Galegos naquela institución. En 2016 foi finalista do Premio Xerais coa súa primeira novela Crónica Córnica, unha fábula a favor das linguas e contra a marxinación e as desigualdades culturais e sociais entre colectivos e pobos; en 2023, publicou tamén con Xerais Unha saca de patacas, novela corta na que aborda as contradicións flagrantes do noso presente. A súa paixón polas linguas e mais o diálogo coas lectoras e lectores son as forzas motoras da súa poética.
Nestes últimos anos, amais, as súas actividades académicas o levaron a organizar dous volumes dedicados á situación internacional do portugués (e polo tanto do galego!): Línguas em português: a Lusofonia numa visão crítica (2020) e Português língua não materna: contextos, estatutos e práticas de ensino numa visão crítica (2022), ámbolos dous publicado pola editorial da Universidade do Porto, U. Porto-Press.
[Novembro, 2023]