Nace na Coruña no ano 1970. Vincúlase dende moi novo ao eido teatral da cidade da man de nomes como Fernando e Carlos Martínez (Danthea), Manolo Lourenzo (Escola Dramática Galega), Chema Paz Gago (Hipogrifo violento Clube). Conta con mestres de literatura Galega da talla de Pilar Pallarés e Miguel Mato entre outros.
Fundador da Asociación cultural Catrabucha, combina o seu labor actoral co ensino teatral na súa cidade natal.
O traballo como actor lévao a Madrid coa compañía "Cuarta Pared", onde publica a súa primeira obra de teatro, Loba Marí, editorial La Avispa, e o libro El sexo de un Anarquista, Triángulo Distribuciones, ambos en castelán.
Así mesmo colabora de xeito esporádico en diferentes magazins como articulista: Odisea, Entiendes ou as revistas Zero, As mais perralheiras, Glife México, Dos Manzanas, todas elas nunha liña de compromiso reivindicativo de apoio á loita polos dereitos dos homosexuais dende a década dos 90.
Vai traballar como actor a Alemaña, onde coñece a poetisa Ada Salas, quen o alenta a seguir escribindo poesía, e é alí onde remata o seu poemario Unha tarde con Ada, inédito. Logo veñen traballos na Bélxica, Xapón ou Francia como actor, con directores coma Eddy Vereycken, Marcel Van Brakel, Maria Gray, Komei Sugano etc.
Actualmente vive en Madrid, onde desenvolve a súa faceta como actor no eido cinematográfico. Síndrome de Liberto Rabal, Oh Cielos de Ricardo Franco, Las noches Vacías, son algúns dos traballos estreados.
O meu libro das sombras, edicións O Grelo, é a primeira colección de poemas que publica en galego, aínda que posúe unha abundante obra inédita de poesía, relatos, e novela. Algúns dos títulos coma Madre ternura, Corte de Hontanillas, epístolas de un Imperio Novela, verán a luz proximamente. Os de Monte Alto non levamos paraugas (relato) Voceiro de Zalaeta, e Cuarto de Geranios o la Habitacion de Maria, L-8 ediciones, son algúns dos traballos editados recentemente.
Cofundador do movemento da Bastardia. Traballa Xunto con Mamen Ribera, Carmen Amigo, Néstor Prieto, na obra Terras da Bastardía obra que será amosada a finais do ano 2007.
Autobiografía:
Cando neno lembro a mesa da cociña onde a miña nai me sentaba a falar de Rosalía de Castro namentres limpaba. Aprendín a ler cun libro de poemas, Cantares Gallegos, que aínda está na casa ( "Castellanos de Castilla..."). As tardes de sol na cociña onde se podía ver daquela o mar e a Torre de Hércules tráenme... sabor a tomate e son de poemas, que eu lía torpemente para facer conta de que xa era grande.
Aprendín a ler aos tres anos, antes de ir a escola; na casa non se falaba galego mais sempre gustaron da "negra sombra" e o meu avó (cego) cantaba sentado no salón "Unha noite na eira do trigo..." como un mantra que lle levaba a vida.
Na coral "El Eco", onde meus pais cantaron mil anos, chamábanme o pequeno poeta, e recitaba os clásicos que o meu pai me fixera aprender para as ocasións (Diligencia de carmona, la de las mulas castañas...../Con diez cañones por banda......) despois de que o mestre Eduardo Diehl (autor de Morriña) fixera soar un piano.
A poesía leva no sangue facéndome música dende que teño xuízo. Agora son home de sementes e mar nunha terra estraña. O artista, o creador ten de buscar o xeito de expresarse, e coido que eu aínda ando a buscalo. A mellor das obras sempre é a obra vivida, a lama da experiencia.
Coido que o que escribo, como o que pinto ou interpreto, é unha necesidade. Non sei vivir doutro xeito, nin quero.
Admiro o grande Celso Emilio Ferreiro, que acompañou os meus primeiros pasos nun escenario. Recitei os seus poemas por moitos pequenos pobos da Galiza e gardo a forza da súa lírica e compromiso social que desprende a súa obra.
Sempre darei conta da miña condición homosexual por que conto que fai de min e da miña obra sinal de loita cara a soñar un mundo mellor de igualdade e normalidade. Son profundamente anticatólico, e mais son Apóstata e coido que só desterrando as relixións do ensino se formarán xeracións de rapaces sans mentalmente.... xa non era sen tempo!