Se temos que buscar unha razón para o que somos, no meu caso, podería retrotraerme a aquel momento do instituto no que nos mandaron facer un traballo sobre as supersticións, ou tal vez a algún intre difuso no que descubrín que a ciencia non se limita aos números ou ás fórmulas matemáticas. Quen sabe, tal vez foi ter unha nai e unha avoa preocupadas por que os Reis Magos me botasen algún libro para alimentar a imaxinación, un avó que prohibiu xogar con falsos fusís de asalto ou, en definitiva, atopar un certo gusto en cavilar sobre a miña comunidade, sobre as crenzas, sobre as cousas da vida.
Debeu ser todo ese cúmulo de experiencias o que ao final alimentou esta afección a riscar historias. Na escada de caracol que é a vida, sobre eses dous chanzos da nenez e da adolescencia fun colocando outros novos esteos coa masa dos contos familiares, a militancia en asociacións culturais e o mesmo día a día, chanzos disfrazados de artigos ou historias, desde as primeiras colaboracións na prensa a finais dos anos setenta. Coa serie Ciencia, Técnica e Trebellos no xornal A Nosa Terra, afrontei o reto de atopar vocabulario técnico en galego. Era a época na que falar dun CD, dos vídeos ou da cámara dixital era falar de produtos de laboratorio, e con eses artigos puiden combinar a paixón pola ciencia coa paixón polas letras. Logo virían máis artigos en distintos medios e colaboracións con asociacións culturais, ata que, no 1992, recibo o premio de Narrativa do Concello de Vilalba pola novela sobre as cidades asolagadas Ollos de Anxo da Morte e un accésit do Pedrón de Ouro polo conto A Espiral da Fortuna. Tradicións, historia e lendas foron configurándose como os tópicos fundamentais da miña obra.
Piquiño Mouro, premio de Literatura Infantil Ólisbos no ano noventa e catro, traslada o tema da emigración a un paxariño da Barbanza.
Os noventa tamén foron os anos da AA. VV. "Manuel Murguía", de Oseiro: de reivindicar a súa figura impulsando a reedición dos seus libros e investigar a súa vida e a súa obra.
Un novo accésit do Pedrón de Ouro, no ano noventa e cinco, por As Voces da Conciencia, daralle paso a unha serie de traballos sobre a emigración e a soidade en terra de ausentes.
No ano noventa e seis comezo a sacar unha serie de artigos en A Nosa Terra, baixo o título xenérico Camiño Vello, Congostra Nova, para tratar temas de literatura popular, tradicións e crenzas. Ese mesmo ano, o Centro Galego de Baracaldo concédeme o Breogán de Narrativa polo conto A Auga da Vida, sobre a loita pola propiedade dun simple regato no rural galego, e tres anos despois, o Centro Rexional de Castilla-La Mancha, de A Coruña, premia o conto O Anano do Híper, unha manifestación contra os hipermercados como templos de consumo.
No 1997, acado o premio de Narrativa do Concello de Vilalba coa novela O Cuarto dos Ausentes, a que me permite profundar na análise dun pobo mariñeiro ao longo do século XX. A finais da década dos noventa, a figura de Murguía xa se converte nunha inquietude que dá ao prelo a biografía Manuel Murguía así como a edición comentada de Textos en Galego de Murguía, para, finalmente, con motivo do Día das Letras adicado ao Patriarca, sacar o libro publicado por O Correo Galego, Murguía: as Letras e a Historia, que recolle unha serie de trinta artigos publicados con este título no mesmo xornal.
Xa no 2001 comezo unha nova serie de artigos en A Nosa Terra. Meu Santo, Miña Santiña pretendía achegar ao público o santoral, sempre dende unha perspectiva laica e desenfadada. Ese ano publico A Derradeira Decisión, novela sobre a emigración e o desarraigo, ambientada na Galiza sueva, á que lle seguiu o premio de novela “Avilés de Taramancos” de Noia, pola obra O botín da inmortalidade e o de narrativa do concello de Viveiro por A luz da eclipse en 2003. No 2006 publico a dramaturxia A Serea, sobre a lenda dos Mariño e no 2007 acado o premio Terra de Melide por Os pecados capitais, centrada nun vello narcotraficante.
Desde o outono de 2004 colaboro na edición de Barbanza de La Voz de Galicia con artigos sobre temas de actualidade baixo o epígrafe Lingua Proletaria. No 2009, a biblioteca municipal de O Froxel (Arteixo), o lugar onde naceu Manuel Murguía, decidiu levar o meu nome.
Xa no 2010 publico As deusas do Calvario, sobre unha comunidade de veciñas dun barrio da Coruña nos anos setenta-oitenta e o ensaio Dos fastos ós festexos, en colaboración Rosa B. Vizcaya, sobre as festas e tradicións galegas e o seu paralelismo co mundo clásico.
No 2015 publico a novela histórica O coitelo de pedra fundida e no 2017 recibo, a mans da Asociación Cultural Barbantia, o premio “Sereo da cultura” ao labor cultural.
En 2021 gaño o premio Laudamuco para textos teatrais pola obra A vinganza de Fortimbrás, cuxo texto se publica no mesmo ano .
No 2022 sae do prelo Principio de exclusión; e recibo o 2º premio Vilar Ponte de novela.
En febreiro de 2023 a editorial Baía publica a novela As cartas do desarraigo, que foi finalista no IV premio de novela Vilar Ponte de Viveiro.
En maio de 2024, acado o premio Anisia Miranda de teatro para a infancia coa obra Os dedos e o monstro.
E nestas seguimos.
[Maio, 2024]