Félix
Castro Vicente

Nado en Ourense un frío día de San Silvestre de 1970, xunto co seu irmao xemelgo Cástor. Herdou da súa nai e a súa avoa materna a afección polos libros e a etnografía e do seu pai a afección polas películas e os libros de terror, e os cómics. Estudou Dereito en Salamanca, onde ademais de aprender a tocar a gaita, tamén realizou estudos na Cova de San Ciprián, por iso agora sabe tanto de grimorios e libros do Demo.

A súa profesión é avogado, tamén é bibliófilo e licenciado en Antropoloxía, interesado na etnomusicoloxía e nas crenzas máxicas e sucesos que escapan ao racionalismo imperante hoxe en día. É un apaixonado da cultura tradicional, dedicando moito tempo a practicar artes marciais, tocar música popular galega, investigar e coleccionar sobre música e cultura tradicional galega, cunha importante colección de discos de pizarra, grimorios, e de pregos de cordel de tema monstruoso, milagres, e sucesos acaecidos en Galiza.

O certo é que algo lle debeu ocorrer na Cova de Salamanca, que anos despois deu en coleccionar Libros de San Cipriano, grimorios e demais libros de ocultismo, facéndose un "experto" na literatura ocultista española do s. XIX e inicios do s. XX, temática da que ten publicado case unha ducia de artigos, a maior parte en castelán na revista Hibris de bibliofilia que dirixe o seu amigo o libreiro anticuario Pepe Grau.

O seu artigo máis mediático foi o primeiro artigo que fixo sobre o ciprianillo, copiado ata a saciedade en todo tipo de blogs pseudoesotéricos en internet, que lle ten valido recibir unha chea de e-mails de todo o mundo pedindo asesoramento máxico, a venta dalgún dos ciprianillos da súa colección e incluso consellos e colaboración para o desencanto de tesouros. Os seus artigos sobre o ciprianillo tamén lle valeron para ser considerado internacionalmente un experto da materia e ser solicitada a súa axuda por expertos internacionais na historiografía de grimorios e demáis libros infernais, e así aparece citado en libros especializados, coma por exemplo Grimoires de Owen Davies, ou na edición facsimilar do Cyprianus Clavis Inferni de Stephen Skinner e David Rankine (en España os seus coñecementos só lle valeron polo de agora para sufrir algún que outro ilustre plaxio).

En galego ten publicado tamén diversos artigos, e leva anos ameazando con que vai publicar un libro que compendie todos os seus saberes arredor do famoso Ciprianillo, pero ata agora, non sabemos se grazas a Deus ou ao Demo, aínda non o ten conseguido.

Outras temáticas nas que ten escrito artigos e algún libro en colaboración abarcan dende a música tradicional (o acordeón na Galiza, os gaiteiros da Limia, e Faustino Santalices, figura da que é un grande coñecedor), e sobre Manuel Blanco Romasanta, o home lobo de Esgos, do que ten publicado unha serie de artigos en prensa e revistas, sobre todo dende que no ano 2011 resolveu xunto co seu irmao un misterio de máis de cento cincuenta anos, o destino final de Romasanta, e ao que lle seguen a súa pista dende entón, con novos descubrimentos que van publicando periódicamente.

[Xaneiro, 2013]