F. R.
Lavandeira

Taragoña­, Rianxo, 1966. É Diplomado en Educación Social (Universidade de Santiago de Compostela) e posúe formación de posgrao en Animación Sociocultural (UNED e Universidad Pontificia de Salamanca) e Didáctica Ocupacional (Universidade de Vigo). Traballa como Coordinador da Área de Educación e Cultura do Concello de Rianxo. Asemade é investigador da Universidade de Santiago de Compostela no ámbito da Pedagoxía Social e da Educación Ambiental. Ten impartido e coordinado cursos e obradoiros sobre Animación Sociocultural e Tempo de Lecer, Educación Social e Administración Local, Desenvolvemento Local, Patrimonio Cultural e Turismo, etc. Dinamizou grupos de traballo, colaborou en publicacións especializadas e participou en mesas redondas, charlas, coloquios e conferencias sobre estes temas, tanto en administracións públicas, como en entidades profesionais, culturais e universidades de Galicia. Tamén desenvolve actividades como consultor cultural.

Dende o punto de vista literario, ten publicado, en lingua galega o libro de poemas Mar que evita o meu regreso (2000), o opúsculo Tempo é de que se saiban (edición privada, 2006 o libro trilingüe, editado poda DePaul Univesity of Chicago, Poemas (2007) e participou nos libros colectivos Voces na materia (2006) na edición de bibliófilo 37 poemas por man propia (2006), Voces na Guerra (2006) e no libro de literatura infantil e xuvenil A cor dos soños (2007).

Encargouse do deseño de cubertas e a corrección de estilo do libro Rianxo, o mar feito tradición (1999) e da corrección de estilo e tradución da banda deseñada Trasmallo: o tesouro de Carraxe Sieiro (2005). É colaborador do periódico La Voz de Galicia e das revistas Leña Verde e Interea-Visual. Asemade, é membro da Fundación Castelao e da Asociación Cultural Barbantia. E tamén é colaborador do Seminario Internacional de Tradución y Poética (Auliga).

"Un día escribiu un libro de poesía do que, está convencido, só paga a pena o limiar e o esforzo do editor. Tamén escribiu narracións, máis poemas e artigos. Nada máis hai na súa circunstancia persoal ou social que mencionar. Quizais que o paso do tempo, inimigo inseparable, fírelle o ánimo endurecendo o rostro dos seus fillos. Ou que a ausencia do mar faino murchar como murchan os soños cando son abandonados. Antes ou despois habitará as praias do oeste, onde a poesía ten forma de mar, vento, ceo e pedra, e pode que alí aprenda a escribir. Ou non, pero xa dará igual..." 37 poemas por man propia (Bourel, colección artesá, Ribeira 2006).