Dramaturgo e creador teatral. Titulado en Dirección Escénica e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e Técnico Superior de Realización e Produción Audiovisual. Amplía a súa formación coa asistencia a obradoiros e cursos de destacados profesionais como Paula Carballeira, Alfredo Sanzol, Bárbara Colio, Antonio Rojano ou Sergio Blanco.
En 2016, gaña ex aequo o Premio «Abrente» da MIT de Ribadavia con Fendas. En 2017, obtén o Premio «Rafael Dieste» de Textos Teatrais da Deputación da Coruña con Despois das ondas, monólogo sobre a actriz María Casares polo que foi finalista na categoría de mellor texto orixinal nos XXIV Premios «María Casares» da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Volve gañar o «Abrente» con Profetas en 2021. No ano 2023, a súa peza Memoria de la nisal acada o Premio «Asturias Joven» de Textos Teatrais do Instituto Asturiano da Xuventude.
Participa no Programa de «Dramaturgias Actuales» do INAEM no ano 2017, dando como resultado a peza El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas. En 2018, forma parte do grupo «DramaturXa» do Centro Dramático Galego, para o que escribe a obra Onde veñen morrer as baleas. En 2020, os teatros de Euskadi seleccionan o seu proxecto Canciones amarillas, flores tristes para desenvolvelo dentro do programa «Antzerkigintza Berriak» de novas dramaturxias. En 2021, escribe a peza de teatro documental Relato para un incendio grazas á primeira bolsa de «Dramaturxia e creación» convocada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Escribe para as compañías Feira do Leste (Exilio das Moscas e Tras Tannhäuser —axudas á «Creación Joven» do INJUVE—), Señora Supina (Hotel Europa) e Inversa Teatro (O Péndulo, coautoría xunto a Marta Pérez). En 2023, crea, xunto á actriz e directora Nerea Brey, a compañía Manekineko, coa que estrea a súa primeira produción en 2024: Cancións amarelas, flores tristes.
Na actualidade, compaxina o seu traballo creativo coa docencia de escrita teatral e cinematográfica en diferentes colectivos e institucións. Colabora ou colaborou coa Revista Galega de Teatro | erregueté, a revista de ocio cultural A Movida, a Revista Grial e o programa Zigzag Diario da Televisión de Galicia.
[Marzo, 2025]