Diego
Pardo Amado

Nace na Coruña en 1983. É Doutor en Filoloxía galego-portuguesa pola Universidade da Coruña, onde impartiu docencia desde xaneiro do 2009 ata xuño do 2011 ao abeiro do Programa María Barbeito. Foi integrante do equipo que levou a cabo o proxecto «Recuperación e análise de textos icónicos e escritos no xornal do exilio España Popular (1941-1965)» e realizou unha estadía investigadora na Universidad del Salvador (Buenos Aires). Con anterioridade, foi profesor de Secundaria e Bacharelato no Colexio Santa María do Mar (A Coruña) e no Colexio Fingoi (Lugo), cuxo Servizo de Dinamización Lingüística dirixiu.

Co apoio da Fundación Barrié e da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, especializouse en Xornalismo pola Escola de Medios de Comunicación de La Voz de Galicia no período 2011-2012. Interesado pola literatura decimonónica, deu ao prelo os ensaios Rosalía e Murguía na procura da patria soñada (Lóstrego, 2010) e Rosalía de Castro. A luz da ousadía (Laiovento, 2009). Colabora con artigos en prestixiosas revistas especializadas e publicacións de carácter divulgativo. Desde outubro de 2012 traballa no Centre for Galician Studies da University of Oxford.

[Febreiro, 2014]