
ALGO ASÍ COMA UNHA BIOGRAFÍA
Crieime nunha desas Mesopotamias galegas aloumiñada polas cancións de berce coreadas por dous ríos preto do Alcázar de Milmanda e non moi lonxe da Serra do Xurés, no fondo dun val que ben podería ser o noso Shangri-La, despois de nacer moi lonxe, na emigración, nun lugar chamado Zürich onde se falaba alemán e os soños de futuro se contaban en francos suízos.
Medrei na Raia, na comarca onde o mundo se chama Terra de Celanova, alimentada pola maxia dos libros e a tradición oral manada dos corazóns xenerosos e rexos dos meus avós maternos, aos que lles debo a mellor infancia posíbel.
Non duraron para sempre nin eles nin a infancia e pasei a adolescencia en Ourense ata chegar a Santiago para estudiar, namorarme da cidade e decidir autoadoptarme. En Compostela estudei Ciencias da Comunicación porque me gustaba escribir, pero tamén Fotografía artística, na que me graduei cun proxecto sobre Nicaragua, na escola de artes, porque quería comprobar se unha imaxe vale máis ca mil palabras. E aínda me formei en Xestión Cultural e Comisariado de Exposicións, porque a cultura en xeral e a arte en particular son outras das miñas grandes paixóns.
Como fotógrafa e debuxante colaborei en revistas, folletos (algún institucional) e libros e participei en exposicións propias e compartidas e en obras colectivas, entre eles a primeira publicación de "Entrecruzar" no marco de Proxecto-Edición, promovido polo CGAC, a Fundación Luís Seoane e o Marco.
DISTINTAS CARAS DAS PALABRAS
Malia toda esa faceta gráfica, desenvolvín toda a miña carreira laboral vencellada á palabra, nomeadamente como xornalista en Faro de Vigo, onde teño asinado centos de críticas de cinema, entrevistas culturais e agora conto cunha columna de opinión de ton literario ("Que din as rumorosas?").
Como Carmen Villar Alonso ou baixo seudónimos como Carmen de Milmanda escribo relatos (no volume colectivo "Liñas compartidas") e teatro ("O día que ao señor Efraín lle tocou a lotaría", no Anuario 2023 de Barbantia; "As Luisiadas", na revista dixital Quiasmo; "Historia dunha maceira en catro movimentos", no libro colectivo "Contármonos", como parte das Comadres das Letras), ou "Fochankas City", no Anuario 2025 de Barbantia, "aínda que o corazón da miña produción literaria o constitúe a poesía.
Do interese que partiu de indagar na recuperación pola natureza de territorios que lle foron arrebatados, desenvolvo dende 2018 unha segunda parte dun proxecto fotopoético diario en internet, utilizando X (@CarmedeMilmanda) e Instagram (@rosmoninha) e máis tarde Bluesky como contas espello. A súa filosofía, parafraseando o refrán anglosaxón, é "a poem a day keeps the doctor away".
Unha escolma dese traballo materializouse no fotopoemario "Os mil e un días" (Xerais, 2023), que inclúe un poema musicado por Pedro Lamas para piano e soprano, "Canto non estraño o ceo!". Esa canción, interpretada pola soprano Andrea Mosteiro e con Fernando Buide del Real ao piano, aínda que conta tamén cunha versión para banda de música e solista masculino, pódese escoitar neste enlace: https://www.youtube.com/watch?app=desktop&v=BenxrdAIyd8
Igualmente en YouTube pode gozarse esta videomontaxe con imaxes e música de Jesús Suárez Ares e poemas meus: https://www.youtube.com/watch?v=8SYPcSoXuE4
Tamén en 2023 publiquei o fotopoemario "E na Arcadia xea" no fanzine “NaTiv@s" e, como parte do colectivo Comadres das Letras, participei en "Contármonos" (Alvarellos Editora, 2023). O noso colectivo foi finalista dos premios Follas Novas 2024 na categoría de "Promoción da lectura" trala publicación desa obra. En 2025 publicamos un novo volume, “Cereixas roubadas” (Alvarellos Editora, 2025), que chegou ás fases previas da final.
Asimesmo, participei en tres dos catro volumes publicados ata o momento de homenaxe a "O Carballo de Padroso", editados pola Fundación Bieito Ledo.
PREMIOS XORNALÍSTICOS
Por outra banda, o meu labor xornalístico no eido da prevención das adiccións na mocidade foi recoñecido pola Fundación Galega contra o Narcotráfico coa Nécora de Ouro (2026) e no ámbito das doenzas mentais recibín o Premio Xoán Vicente Viqueira do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (2025) por unha información sobre o elevado consumo de antidepresivos na comunidade galega.
Coa miña columna de opinión “Que din as rumorosas?” fun finalista do XXII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego (2025) con “A terra que nos ata ao mundo”, e recunco como finalista este 2026 con “E, de súpeto, as mans”.
[Xullo de 2026]
