Carmen
Rivero Gallego

Carmen Rivero Gallego é natural de Laza (Ourense). É titulada en Traballo Social e Maxisterio. Exerceu como profesora de primaria en diferentes colexios da provincia de Ourense e máis tarde como profesora de Xeografía e Historia na ensinanza secundaria. Comezou a escribir poemas aos 12 anos de idade da man do seu profesor de literatura, Xesús Taboada Chivite.

Na actualidade colabora en varias revistas e ten publicados dous poemarios: Berce de peliqueiros e Nun recuncho chamado Laza.

No verán do ano 2021 participou en “Latexos do rural”, un proxecto dirixido por Rubén Riós, facendo varios recitais en diferentes lugares da Vía da Prata.

O seu poemario Entre a terra e as estrelas, publicado en 2022, fala da Vía da Prata ou Camiño Mozárabe dende Laza (Ourense) ata Santiago de Compostela. A través dunha peregrina vai amosando a historia, a paisaxe e as lendas dos lugares polos que pasa. Neste percorrido amósanos o dano que o ser humano lle fai ó noso planeta nun intento desesperado de poñerlle freo ó cambio climático para tentar reverter esta situación que nos abocará, sen dúbida, á catástrofe e ó caos.

[Xuño de 2022]