Carlos
Mella

Carlos Mella Villar, (A Estrada, Pontevedra), economista, político e escritor, é doutor en Direito pola Universidade Complutense. Foi Vicepresidente da Xunta de Galicia e deputado no Parlamento. Ex-presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

OBRA LITERARIA:

- Non somos inocentes: libro de memorias dun 'político galego en excedencia', no que se pasa unha irónica revista ós primeiros tempos da política autonómica galega.

- A Galicia posible: ensaio onde se esboza unha reflexión sobre a Galicia que nos tocou vivir neste tempo histórico, tentando adiviñar cara onde vai este país e cal é o noso horizonte futuro.

- O protocolo xaponés: fateixo de relatos nos que se trata de expoñe-los perigos que un progreso descontrolado e mimético representa para o mundo actual.

- Bieito Bieito: a novela dunha ambición e un fracaso. E da aceptación reflexiva do mesmo, cando se avalía como inevitábel.

- Coa palleta distraída: escolma de artigos, moi breves, nos que se reflicte unha visión agarimosa as veces, e crudel outras, sobre o acontecer cotián da nación galega.

- A falacia do economicismo: ensaio que expón unha análise crítica dun sistema económico que produce un crecente desequilibrio no devir dunha sociedade rexida só por baremos económicos.

- Luces de fiestra: novela na que se tenta unha disección crítica da sociedade galega utilizando o esperprento como arma literaria; os aconteceres galegos pasando diante dun espello cóncavo.

[Outubro, 2003]