Carreira (Ribeira), 1991. É doutor en Historia e actualmente exerce como profesor de ensino secundario no IES da Pobra do Caramiñal.
Foi gañador do XXX Premio Nacional de Poesía Pérez Paralle coa obra As casas, editada por Espiral Maior en 2018. Un dos poemas do libro foi finalista a mellor poema galego do Premio aRi[t]mar. Recibiu o 3º premio Xuventude Crea 2020 pola plaquette Vinganza. Publicou en revistas como Olga ou Dorna e na antoloxía Poesía galega novísima (2020), de Urutau.
Como narrador, recibiu os premios de relato breve dos concellos de Ames e Cambre e participou no volume colectivo O ano do tigre (2022), publicado por Rodolfo e Priscila. En 2024 foi seleccionado na Residencia Literaria Cidade da Cultura, dirixida polo escritor Javier Peña. Alí traballou en Rastros (2026), a súa primeira obra de narrativa, editada tamén por Rodolfo e Priscila. En 2025 participou na Residencia Literaria Illa de San Simón.
O seu campo de investigación académico é o medievalismo, con especial relación aos castelos, o territorio e a toponimia. Algunhas das revistas académicas en que publicou son Cuadernos de Estudios Gallegos, Gallaecia. Revista de Arqueoloxía e Antigüidade ou Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza. No ámbito da divulgación, conduciu a webserie Falemos do Reino de Galicia (2022), producida pola cooperativa Suseia, e participou na serie documental Os castelos (2022), da TVG. Colaborou con diferentes plataformas web e publicou puntualmente artigos en medios xornalísticos, recibindo o XIV Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores do Concello de Carballo en 2018 polo texto “Alpabardas verdes”.
[Abril de 2026]
