Naceu en Lugo en 1980. Filla de gaiteiro e de formación musical maiormente autodidacta, a comezos dos 90 formou parte dos Colectivos Culturais María Castaña e Reviravolta de Lugo. Despois, durante case 10 anos en Liñaceira, referente para ela na experimentación vogal e nas percusións, traballando sempre coa música galega e portuguesa como base.
Ao longo dos anos foi percorrendo a montaña lucense, e outras partes do país, aprendendo ritmos e melodías de man das mulleres e homes que de vello os interpretaron (informantes e grandes mestres), cunha especial querenza polas culturas raianas e a vertente sociocultural e lúdica da música.
Leva colaborado con multitude de iniciativas de divulgación e socioculturais, teatro, didáctica para a rapazada e formacións corais, contemporáneas, orquestrais, jazz, rock... e entende que as pandeireteiras son cultura viva, capaces de enriquecer todas as expresións musicais posibles, comezando pola propia. E para iso, segue aprendendo a diario. Fixo parte de Eudemónicas e imparte aulas de canto tradicional e pandeira, pandeiro e pandeireta, así como de iniciación musical para alumnado novo en diferentes escolas municipais e colectivos culturais.
[Febreiro, 2025]