Básico
Rodríguez

Noticia bio-bibliográfica de Básico Rodríguez
(Basilio Cobo Rodríguez)

Básico Rodríguez naceu coma autor unha tardiña de 2003 mentras o seu actor pensaba coma ía asinar heteronimamente os seus libros para que non o confundisen nen os mesturasen con il mesmo debido a múltiples causas, de entre elas a timidez. Nos libros vivimos libres porque recollen un tempo préterito de fantasías do autor-lector, unha autoturbación incompartible e non por iso non heterodistribuíble con unha audiencia, na escrita traducimos parte da nosa propia incertidume vital, parte das nosas vidas coutadas e capadas polo tempo e a educación, partes de biografía sempre inventada sempre a descubrir cada vez que a contamos e recontamos a nosa vida ou as alleas. O literato é sempre un drama en xentes, uns moito máis que outros ou a visconversa. Basilio Cobo Rodríguez ten vivido anos no rural das catro provincias galegas e en dúas das súas capitais provinciais: Ourense e Lugo, as veces soño cos distintos falares das xentes e tamén cos distintos ouvires e interpretacións e reinterpretacións dos feitos, e meu traballo é escoitar e auscultar, oír e interpretar aos doentes aos entes, e penso mesmo que oír o que non se di, e escoitar o que se calou a sabendas ou sen querer, por iso escollín a carrera de Mediciña xa que o meu gusto pola literatura é anterior a propia lectura, recordo con dous anos e medio a travesar a estrada -feito que lle daría moito disgustos aos meus pais- para recoller El Jabato en apaisado na librería que tiña o Cuá-Cuá no Barco para que mo lera o meu tío ou meu irmao maior, ou o descubrimento de que entendía o que puñan os globos de diálogo de Crispín do Capitán Trueno en Portonovo mentras esperaba ter anos para que me admitiran na escola do Pósito que levaba Don Leopoldo, en realidade quen nos lindaba era o seu fillo, O Poldito. As lecturas clandestinas do Internado en Ourense, tendo que agachar os libros nos recantos despensas dos armarios centos de veces cacheados na busca de material pornográfico, disque era a disculpa para manter limpos o armario e o almario. Eran tempos para García Marquez, Lovecraft e outros amores que liamos en alto Os dous de sempre, para que falara o libro no que tíñamos escoitado na rúa. O paso dun lector a lector femia non sei cando se produce se cando correximos ou anotamos nas marxes ou pergueñamos un poema de amor ou desafecto ante inxustiza, cando facemos un traballo científico ou tentamos resolver a álxebra dun conto.

Cursei Mediciña do 1974-1980 en Santiago de Compostela, sobre daquela época editei, son tamén editor a maiores de escritor en galego co heterónimo Básico Rodríguez, en A GRACIA- Veniais Edicións, un libro titulado A Transfusión,(2003) que forma parte dunha pentaloxía de crónicas sobre a impunidade perenne ou crónica que nos tocou vivir.
Ao que tamén pertence por tema e lugar O culto oculto (2008) que publiquei antes como por entregas nun blog:
http://basicorodriguez.lacoctelera.net/

Traballei a exercer coma médico no rural de Lugo durante máis de vinte anos por Terras de Lemos en Sober, terra do viño de Amandi, para recollerme actualmente ao amparo dos muros de Lugo, onde vivo a cabalo da miña terra de nación O Barco e de adopción que é Sober. A esta zona dediqueille a novela Un sábado longo, polifonía dunha trasnada (2008), que segundo me "enterei pola prensa" foi finalista no premio Xerais no 2007, feito do que ao parecer non se me poido avisar por mor do anonimato da plica. Practico a poesía e o teatro. E leo en algún que outro idioma de fóra da Península, se paga a pena os esforzo do ler.
Estou a piques de publicar unha cuarta nivola titulada Morte ao Norte, de Portugal a primeiros de xuño de 2009. Para rematar a edición da pentaloxía no ano que vén coa novela Entropía dun Xornalista.

A pouca poesía édita téñoa no red nun blog, o resto descansa: http://poeslaceibe.blogaliza.org/ onde están algúns dos poemas pertencentes a un libro titulado os Habanos do Caudillo.

[Xuño, 2009]