Baia Fernández de la Torre (Cuntis, 1980)
Adestradora emocional; terapeuta corporal, do xogo e da risa; dinamizadora; caracterizadora de teatro e editora en VERME editora (auto-edición). A todas estas actividades profesionais hai que sumarlle a de escritora autodidacta, parcela que vive con especial paixón.
Dela son títulos coma Unha viaxe de ruminantes, dentro do que está o poema 'Engano', polo que obtivo o 2º posto no Certame aRi[t]mar 2016; Laia, álbum con ilustracións de Leandro Lamas e Caracol, cara de col, ilustrado por Tania Solla. Tamén participou en obras colectivas, algunhas delas son: Poesía e microrrelato Compostela (ED. Tarqus); Verbo na arria, homenaxe literaria a Xohán Xesús González (Asc. Cultural O Fervedoiro) ou Manuel María, libro homenaxe (Deputación de Lugo). Outras colaboracións destacables son a súa participación no libro de Manoele de Felisa, Cancioneiro do camiño; o pórtico poético que abre a obra Cuntis na época romana, de Héitor Picallo Fontes e a súa participación na campaña Unha manda de pezas para Isaac (na que se reivindica a figura de Isaac Díaz Pardo a nivel internacional).
Vén de publicar a 3ª edición (ampliada e con deseño totalmente renovado) de Unha viaxe de Ruminantes e, por outra banda, acaba de rematar a campaña de mecenazgo mediante a que recadou fondos para a publicación dun novo poemario, se cadra o máis especial e íntimo ata a data, O faiado das papoulas, que agarda vexa luz pronto.
[Xullo de 2025]