Azucena Arias Correa naceu en São Paulo (Brasil). Filla de emigrantes de Galicia naceu, pois, nunha terra algo afastada da que sería dende poucos anos máis tarde o seu fogar, Pontevedra.
Mestra, licenciada en Ciencias da Educación, licenciada en Psicoloxía e doutora en Didáctica das Ciencias Experimentais pola Universidade de Vigo. Exerce como mestra e orientadora no CEIP Vilaverde e é profesora asociada na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo; foi, ademais, asesora de formación do profesorado e directora do centro de formación e recursos de Pontevedra.
Membro da asociación de renovación pedagóxica "Colectivo Ollo de Sapo".
Investigadora en aspectos de metodoloxía e didáctica (sobre todo no referido a traballo por proxectos, avaliación e aprendizaxe en cooperación), xénero e sustentabilidade.
Como autora de textos de literatura infantil e xuvenil publicou as seguintes obras: A cirurxiá (1998), A casa do grilo e da chicharra (2000), A cadela e o óso (2001), publicadas por Editorial Ir Indo; Debaixo dun parasol (Xerais, 2017), A chave no peitoril (2019, Edicións do Peirao), O que agacha a equipaxe (2024, Toxosoutos), ademais dalgúns textos na Biblioteca Virtual Galega (www.bvg.udc.es), relatos como “Crebar o silencio” recollido na revista Madrygal, vol. 25, 2022 e poemas en obras de colaboración.
Obtivo o primeiro premio no VI Concurso Literario Rosa de Cen Follas na modalidade de poesía coa obra Silencio cómplice (2013), premio de poesía no Certame Literario Exeria (2021) e unha mención especial ao poema "Foise silandeira, mainamente" no 32° Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá (Barcelona).
No ámbito profesional ten publicadas varias obras en coautoría relacionadas coa cultura galega e propostas didácticas para a escola (Festas anuais na escola, As adiviñas, O Magosto, O Nadal... ); tamén outras relacionadas coa metodoloxía, a didáctica e a innovación (Traballar por proxectos nas aulas de infantil e primaria, O proceso de adaptación... ¿E ti vas á escola?, O traballo por proxectos en infantil, primaria e secundaria...), coa perspectiva de xénero na educación (A igualdade como solución... ), coa animación á lectura..., ademais de numerosos artigos para diversas revistas e xornais.
[Decembro, 2024]