Nacín en Bueu (Pontevedra), nun outono dun bo ano. Son Auxiliar de Enfermería Xeriátrica. Membro da Asociación de Escritores e Artistas Españois e unhas cantas cousas máis que van enchendo o meu tempo e a miña vida.
Dende que teño uso de razón escribo, para min esta é unha forma de estar na vida e de sentir.
É no ano 2008 cando a miña obra comeza a ver a luz co meu primeiro libro Pel de muller, que sae á rúa abrindo un novo universo ante os meus ollos. A editorial Ir Indo, de Vigo, aposta polo meu traballo, e é así como comezo a miña andaina literaria cara ó mundo. O soño que fun acariciando ó longo do tempo convértese en algo tanxible. Presentacións e recitais na miña terra. E tamén un percorrido literario polo meu querido Portugal.
En abril do ano 2009 participei no 1º Encontro Internacional de Poesía que se celebrou en Aveiro (Portugal), foi alí onde naceu o poema que eu dediquei a Aveiro e que saíu publicado na revista Revista Folhas-Letras & Outros Oficios.
No mes de xullo, dese mesmo ano, despois de doce edicións, fun a primeira muller en facer o pregón da Festa do Viño Tinta Femia de Cela (Bueu).
Durante un tempo (2009-2010), coordino e presento o programa de radio "Cita coa vida", na emisora Municipal de Poio (Pontevedra), este programa cultural supuxo para min unha experiencia sumamente enriquecedora, tanto a nivel profesional coma persoal. E así, que vou descubrindo novos horizontes. Vivo novas experiencias e decátome de que a comunicación, escrita e falada, é fundamental para min.
No outono de 2010, sae un novo libro, Bicos de sol, un conto que nace para desdramatizar o impacto que supón unha grave enfermidade no seo dunha familia. Este conto saíu tamén publicado en castelán. Sigue despois un novo poemario, Noites, amenceres... E algo máis. A primeira presentación destes libros tivo lugar en Avis (Portugal), no Encontro de Escritos & escritores. Despois disto, presentacións e recitais por varios puntos de Galicia, sempre arroupada con música.
No 2011, participo no libro Pegadas, do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar. Unha trintena de voces diversas damos vida a este traballo, na necesidade de dicir e de permanecer.
E así sigo, neste mundo de palabras, gozando cando escribo e cando recito. Sentíndome afortunada por poder dicir o que penso e o que sinto.
[Febreiro, 2013]