
Anxo González Guerra naceu en Trasar de Carballo (Carballedo) e dos cinco aos dez anos viviu na Cervela (O Incio). Estudou o bacharelato no Seminario de Lugo (profesores Alenjandro Pin, Jaime Delgado, Xosé López Díaz...), fixo COU no Instituto Masculino (prof. Xesús Alonso Montero). Comezou Filoloxía Hispánica no Colexio Universitario de Lugo (prof. Araceli Herrero, Anxo Tarrío) e logo en Santiago formou parte da 1.ª Promoción de Galego-Portugués (prof. Ricardo Carvalho Calero, Xosé Luís Rodríguez). Todos estes profesores servíronlle de guía nos trinta e cinco anos que exerceu de profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón de Pontevedra, que compaxinou con aulas no Mestrado de profesorado da Universidade de Vigo.
Colaborou en diferentes medios con temas sobre a súa especialidade e a contorna de Chantada. Participou na redacción do Dicionario da Lingua Galega de Isaac Alonso Estraviz (Ed. Alhena, 1986). En 2010 editou os ditos de súa nai: "Fraseoloxía e paremioloxía de Pilar Guerra (Trasar, Carballedo, Lugo)", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 12.
Desde 2005 coordina canda a súa muller, Vitoria Ogando Valcárcel a web ogalego.eu/ogalego.gal. Desde a súa xubilación en 2015 colabora de forma activa na Wikipedia.
De 2021 a 2023 presentou unha sección do programa Luar (TVG) na que exercía de profesor de Galego.
Como docente recibiu premios da Xunta de Galicia e do Ministerio de Educación por traballos en colaboración con outras docentes. Con Vitoria Ogando recibiu o Premio Xoán Manuel Pintos (2018) e o Premio Cidade de Pontevedra (2022). En 2023 foi Billó de Ouro na súa terra chantadesa.
Publicacións
- O idioma galego na poesía de Manuel Antonio (1981). Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-076-0.
- Escolma de Manoel Antonio (1981). Con X. Ramón Pena. Santiago: Follas Novas. ISBN 84-85385-12-8.
- Manuel Antonio (1982). Con Xosé Ramón Pena. A Coruña: Ed. Nós, 1982. ISBN 84-7540-004-3.
- Exercicios de lingua (1987). Con Vitoria Ogando. A Coruña: Ed. Vía Láctea. ISBN 84-86531-36-1.
- Contos do avó Anxo para o neto Aldán (2016). Santiago: Autoedición. ISBN 978-84-16121-51-9.
Libros colectivos
- Meu Castelao! (2025). Concello de Pontevedra. ISBN 978-84-09-80825-0.
- O Carballo de Padroso (2026). Fundación Bieito Ledo, Ir Indo Edicións. ISBN 978-84-7680-806-1
Ligazóns
- Web persoal do autor
- Perfil do autor na Galipedia
- Web ogalego.gal
[Xullo de 2026]
