Centro de Documentación da AELG
Antoloxía poética feita polo autor para o Centro de Documentación da AELG - Este oceano
Riveiro Coello, Antón

ouh este signo:
ollar a saudosa lámina da tarde,
o estrondo das luces;
tocar o corpo estático
de certa cinza amada,
respirar as boscosas estancias do misterio. (Manuel Alvarez Torneiro)

Este océano de láminas
que rega a tarde inmensa,
busca nos espellos
a luz exacta do recordo,
o misterio das loitas
afundíndose na memoria,
o ferido voo dunha gaivota
que debuxa liñas confusas
nunha mensaxe de triángulos.

Este océano de soidade
lambe o esqueleto das patrias,
as estancias do corpo amado
no trazado dos signos,
a paixón vertical das cinsas
que ficaron do encontro,
o exterminio das presenzas
na carne inexplicable,
o delirio espallado da célula
nos músculos do tempo.

Este océano innecesario
de singraduras fraudulentas
acolle nos cumios do alcol
unha descomposición de palabras,
e bebe na raíz das acacias
todas as rebeldías saudosas
que medraron entusiastas
por riba dos crisantemos.