Centro de Documentación da AELG
Antoloxía poética feita polo autor para o Centro de Documentación da AELG - O día morde
Riveiro Coello, Antón


O día morde na flor do tempo
rastros de superficies insondábeis,
tránsitos de pedra nas ausencias,
invisíbeis fiestras nos espellos.

É o paso aguzado das agullas
a triste convulsión das saudades,
a vertixe de todas as carnes
cara a un solpor de corpos nus.

O tempo é esa sede de sílabas,
unha cruel pronuncia de enigmas,
distancias no cantil da memoria,
un ángulo incerto nas encrucilladas.