Centro de Documentación da AELG
Antoloxía poética feita polo autor para o Centro de Documentación da AELG - Cada noite
Riveiro Coello, Antón

I

Cada noite subo a ti, territorio de ansias tolas,
e proclámote co ferro cobarde dunha palabra
sempre a mesma, a teimuda, a anfibia.

O meu corazón furtivo latexa esperanzas náufragas,
prepara o trasatlántico de desexos para esa lingua
que lambe o meu velame outonizo
esas unllas que esgazan os meus labres mariñeiros.

Cada noite subo para navegarte en silencio
agrilloado a remos cefalópodos
que procuran os orgasmos das almas tristes.
Na preamar das sombras dolorosas,
un sufrimento submarino atopa a paixón,
ese intre no que xa non se espantan as caricias.

¡Que fondamente sinto as escamas
o alento adormecente do teu misterio,
o peirao de sentimentos que me agardan!

Cada noite esta cobiza de mar que me asulaga
leva ás miñas veas o nordés crecedeiro
a presada de abismos que perfuma de mentiras
o naufraxio dos nosos barcos malferidos.


II

Preme o peito este mar abroquelado que me dá o azul,
invisibles transparencias fúranme os ollos co acume da alba,
néganme translúcidos poemas no sal do horizonte,
póñenme a par da infancia.

As ondas afervoadas deitan na xerfa
un líquido visguento que esferruxa
o meu corazón mancado
que quixo ser mariñeiro nesta terra sen augas.

Peixes en nados escarpados divagan
polo corpo todo presencias e percorridos,
sereas apegan á pel solitaria e triste
a súa aperta eremita de escamas fuxidías,
frescor intanxible de noites sen vento
no peitoril de marusías estranxeiras.

Ese soño de neno presentiume nas augas,
navegante, remando baleas e desencantos
a prol dun mastro de azos vikingos
cara os lindes máis intactos da alma.


III

Un fardel de tebras para o mariñeiro
no barlovento toleirón dos devezos
onde brilla a prata de peixes pútridos.

A quilla ronzal suca silandeira
a lúa morta,
os polbos metálicos
axexan pólas esgalladas
e as baleas folguexan
a fonte das existencias.

Pepe Rivas voga en lenturas
os soños encoirados
porque no peirao
non quedou querencia de amante
só unha estima confusa
de atardecidas fuxidías.

Pepe Rivas non chora,
adentra no mar calmo
a súa embarcación lañada
por resíos e humidades,
desposuído de medos,
sen señardade de vida.

Pepe Rivas, fel de agrura,
vontade de mar,
cheira a marusía universal
da súa teima chagada:

esmorece,
farto de presencias,
no abrazo uterino.