Mi alma no se contenta con haberla perdido
(Pablo Neruda)
Vivo, aínda así,
para que na morte
vaguen os recordos,
as maneiras transeúntes do vento,
a substancia poética dos paxaros
que ven caer follas de luz
no outono animado dos ouros.
Vivo para ver medrar
o lirio branco no deserto,
para ver as gaivotas errantes
esvaecéndose no horizonte dorido,
para sufrir o percorrido
réptil do sangue
neste inverno lento, fondo, silente,
que me sobe en evidencias de serpe.
Vivo para poboar
as euforias retroactivas
do beixo milenario
con sabor a terra,
para loitar con esta derrota íntima,
interminable,
esta tristeza viúva,
como de ave morta nun calendario
ilexítimo,
sen primavera,
sen ti.
Vivo para sentir
a lenta respiración do mar,
a paixón sísmica de caricias
e distancias azuis,
para vivir a presenza
mariña da túa sombra
que se apega á miña pel
coma un lique de escamas
esgaduñando na memoria.
Vivo,
con esas tres sílabas tristes
fervendo nos beizos,
para te vivir.