Centro de Documentación da AELG
Antoloxía poética feita polo autor para o Centro de Documentación da AELG - A vida
Riveiro Coello, Antón

A idolatría debuxa na luz unha liña de labios,
os meses innúmeros do tempo anónimo das esperanzas,
a antoloxía húmida dos retratos que nos resumen,
ese flash traizoeiro que indaga o sorriso súpeto.

A vida non é máis dunha ducia de palabras elaboradas,
unha orde inconsciente de luxurias abatidas polo sol,
un milagre apenas contemplado polos poetas,
unha certeza de láminas gravadas na distancia.

A vida é un eixo tremendo que repite os silencios,
un fragor mineral de asfixias e ausencias,
unha dor inexplicable no ángulo incerto das horas,
un pensamento comunicante co abismo dos soños,
unha lava a arder no centro inexacto do recordo.

A vida é así: pozo fondo de memoria,
futuro de sombra conversa que nos regresa,
límite azul que sabe da infancia das horas,
épica dunha viaxe cicatrizada nos rostros,
liberdade lenta que aniña no desexo.

Esa é a vida: o laio extinto dunha flor,
unha transparencia de cores violáceas,
un enigma escrito na vertixe do vento,
unha ollada de cobiza que devora o horizonte,
un perfil de luces demoradas na pálpebra do sol.

A vida non é máis que un labirinto de notas,
unha canción interpretada pola voz da chuvia,
esa cerimonia secreta que entusiasma na pedra
a pegada líquida de todas as ausencias.