Centro de Documentación da AELG
Antoloxía poética feita polo autor para o Centro de Documentación da AELG - A Antón Tovar
Riveiro Coello, Antón


Cando os meus ollos tristes se apaguen nos sombrizos
soutos nos que algún día terán de se apagar,
han de chorar os meus ollos por tódolos feitizos
dista pomba de terra que en min anda a arrolar

ANTÓN TOVAR

Se cadra deixou a ollada triste
nos sombrizos soutos da Pereira
a luminosa certeza dunha rosa
que virou todos os ventos poeta
e espiu a patria do cuarto escuro
nun alto pánico de monotonías.

Ou foi a pomba ferida dun neno
a que caeu baleira e morredía
na paisaxe cansa da Pereira,
no centro mesmo do espanto:
paraíso dese ceo sen esperanza
que afogou a Deus nunha bágoa.

Cecais foi no cemiterio da vida
a mau labrega que sementou
a ladaíña universal dunha dor
florecida no adro profético
de todas as eternidades núas:
misterio infinito do silencio.

Ou foi na paisaxe fría da Veiga,
onde Ciorán apacentaba o gado
coa vertixe fonda duns versos
abismados no medo sensato,
a fazaña da mazá pendurada
na soidade atea dunha árbore.

Se cadra a ollada triste chorou
o peso de todas as palabras
que andaban ao pairo da tarde
no canto xeral dos paxaros,
esa espiral inversa de asubíos
que negan a ausencia da voz.

Ou foi un feitizo de luz a apañar
os sombrizos soutos da Pereira,
como un vagalume demudado
bolboretando a destemida nada
para tatuar a inmortalidade
no corazón mesmo da noite.