Centro de Documentación da AELG
Antoloxía poética feita polo autor para o Centro de Documentación da AELG - A dor
Riveiro Coello, Antón

A dor é un nenúfar na tona da nostalxia,

unha nereida triste na estafa dos días,

unha eiruga en decadencia apreixada

pola celosía cerval das artesas lacradas.

É unha luz que só debuxa alciprestes,

a esgazadura dunha rosa no silencio,

o corazón frío nos músculos da caricia,

a voz da soidade cuspindo estigmas.

Esa é a dor que todo o invade:

un mastín que devora pombas brancas,

un tránsito de ausencias e agonías,

unha fiestra á vertixe dos espellos,

unha fenda nos argazos das sombras,

un merlo que só sabe cantar un nome.