Antón Grande Penela (Antón Grande), naceu en Lugo o 8 de xullo de 1953. Durante os seus anos de estudante de bacherelato en Lugo comeza a publicar as primeiras narracións na "Táboa Redonda", as páxinas literarias de El Progreso que dirixía Ánxel Fole, a cuxa tertulia acudía con certa frecuencia. Tamén participaba, por veces, da tertulia que mantiña Celestino Fernández de la Vega .
Durante esta época fai tamén crítica literaria na Hoja del Lunes de Lugo e forma parte do taller de teatro "La Araña". En Radio Lugo, e na compaña do escritor Xesús Valcárcel, fai durante cinco anos o programa cultural "Fogar de Breogán", o segundo programa en galego feito na radio lucense dende a dictadura franquista.
No seu período de estudante de Filoloxía en Santiago, mantén unha grande relación cos compoñentes do grupo poético "Cravo Fondo", con moitos dos cuais mantiña e sigue mantendo unha fonda amistade.
Como xornalista leva traballando dende o ano 1979, desempeñando os cargos de xefe de informativos de Radio Lugo-Cadena Ser, redactor de El Progreso, onde foi logo responsable das seccións de monográficos e de cultura. Na actualidade é redactor xefe de Localia-Telelugo.
Ademáis de en libros, ten publicada obra narrativa en revistas como Coordenadas, Atlántico Express, Luzes de Galicia, Cuadernos del Norte, Grial, Capela, etc.
No ano 1989 obtivo o Premio Galicia de Xornalismo por unha serie de artigos de investigación, publicados en El Progreso de Lugo, sobre a loita e a vida dos maquis en Galicia.
Foi o gañador do primeiro premio de narrativa Álvaro Paradela, do Ferrol, co conto tiduado "O reloxo", e ten tamén sendos premios de narrativa e poesía en Meigas e Trasgos, de Sarria, así como o segundo premio Pedrón de Ouro de guións radiofónicos.
[Febreiro, 2002]