Director, guionista e produtor executivo, combina a súa traxectoria cinematográfica coa de escritor desde o ano 2000 ao resultar gañador do concurso «Relatos de Verán» de La Voz de Galicia, co conto «O conto do aval», publicado pola editorial Ir Indo nunha obra colectiva.
No 2003 queda finalista do III concurso «Relatos por Entregas» de La Voz de Galicia, coa novela Compostelanum (Editorial Mandaio, Biblos Clube de Lectores), concurso que gaña ao ano seguinte coa novela O descenso do derradeiro ocaso (Sotelo Blanco Edicións).
Con tres Goya no seu haber, incluído o Goya ao Mellor Guión Adaptado pola película Engurras (Ignacio Ferreras, 2011), no 2013 foi galardoado co premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia, na 18ª Edición do Festival de Cine de Ourense, polo seu traballo de adaptación nesta longametraxe. No 2016 publicou o ensaio A escaleira de papel (Editorial Ézaro) sobre escrita de guión.