Andrea Nunes Brións (Marín, 1984)
Activista transfeminista, pola diversidade sexual e corporal, é cada vez máis consciente dos seus privilexios como persoa cis, euro-branca e continúa descolonizando o seu pensamento e as súas relacións. Sana sempre que pasa tempo de calidade coas amigas e segue apaixonándose por todo o poético e o colectivo.
Vinculou desde os seus comezos a actividade poética ao activismo feminista. Corrente de esquecemento (2007) foi o primeiro dos seus libros, editado por Aturuxo (Federación de Asociacións LGBTQ). Os seus versos foron publicados en numerosas revistas, xornais e libros colectivos. O seu segundo libro Todas as mulleres que fun (2011), finalista nos premios AELG, constrúe un contradiscurso antipatriarcal que se insire nunha rede de pensamento crítico. Escribe o seu último libro, conxuntamente con María Rosendo, Diáspora do amor balea, gañando o XII premio de poesía erótica Illas Sisargas no 2017. Como ensaista fai parte da obra colectiva Nós, xs inadaptadxs. Representações, desejos e histórias LGBTIQ na Galiza (Através Editora, 2020), entre outros e coordinou xunto con Anxela Lema, o volume: Tecermos redes, crearmos comunidade, Estudos sobe a obra de María Reimóndez (Xerais, 2020), así como o O cento voando. Amores, desexos e non monogamias (publicado por Xerais).
Traducida a idiomas como o italiano, o catalán, o inglés, o vasco, o eslovaco, o seu último libro é unha antoloxía bilingüe galego-castelán publicado pola editora Librefeminista, que leva o título de Esta disidencia que habitamos, libro dobre que comparte coa tradución de Renée Vivien (Tributo a Safo).
Pertence ao colectivo poético audiovisual As Candongas do Quirombo e á plataforma de crítica literaria feminista A Sega.
Foi profesora en diferentes universidades en China, Italia e Galiza, imparte obradoiros de escritura creativa, sobre diversidade e inclusividade en diferentes centros educativos e actualmente é profesora no ensino secundario en Santiago de Compostela.
[Decembro 2023]