Ana
López

Ana López naceu en Mourente, provincia de Pontevedra, por casualidade un verán do ano 1947; nos documentos oficiais figura un 2 de agosto, mais os pais aseguran que foi o 25 de xullo e escolleu este día para celebrar o seu aniversario, a fin de contas este dato non ten importancia. Como dicía León Felipe: “os poetas non teñen biografía, teñen destino, e o destino non se escribe, cántase”. Malia que veu a este mundo en Pontevedra toda a súa infancia e xuventude transcorreu en Lugo. Actualmente vive en Oleiros.

Ana López ten a necesidade vital de nomear mediante a poesía todo canto a rodea; o seu eu e outras subxectividades, a súa poesía é pranto e bálsamo, imprecación e cura, un recurso inequivocamente humano para cicatrizar feridas.

Adicouse profesionalmente ao ensino, primeiro como mestra e despois como profesora de Lingua Galega, pero nunca abandonou a poesía, incorporouna ao curriculum en canta ocasión se lle presentaba como unha metodoloxía marabillosa para educar a sensibilidade, e hai que destacar que o achegamento dos alumnos/as á poesía tivo unha resposta en termos educativos moi xenerosa. Os nenos e as nenas son poetas e non teñen os prexuízos dos adultos con este xénero literario, polo que non rexeitan a poesía, fana súa e crean os seus propios poemas. Hai diversos libros destas experiencias escolares na Biblioteca do Instituto e na casa de agunhos alumnos/as, financiados en parte polos escasos recursos públicos e por ela mesma, coa axuda inestimábel da familia. Esta experiencia docente acrecentou se cabe a súa paixón pola linguaxe poética.

Non foi ata os 75 anos cando publicou o seu primeiro libro individual, Territorio baleiro, pola insistencia do fillo e para responder ao interese dunha coñecida pianista barcelonesa, Ana Maria Albors Asins. Despois viñeron dous máis: Dispersión e o último, Desenfoques, nos que inclúe algúns relatos, reflexos dos graves problemas que está a atravesar esta sociedade.

Participou tamén nalgun proxecto colectivo, hai un poema seu no poemario Mazás vermellas de Espiral Maior e do proxecto sobre a natureza Arborear, que lle chegou da man do Colectivo Arteu presentado no Castelo de Santa Cruz; o poema titúlase “Deambular”.

Antes da publicación destes libros, coa colaboración do seu compañeiro de vida Fernando Barbeyto Nistal, que achegaba unas fermosísimas imaxes, crearon un blog chamado “Esculcar o tempo”; el é tamén o autor das fotografías que ilustran as cubertas dos seus libros.

[Xaneiro, 2025]