"A muller galega estivo, durante o longo período migratorio (1.853-1.973), sometida a múltiples e severas formas de discriminación, moitas veces como emigrante e máis frecuentemente como ?viúva de vivos?. A súa temperá exclusión do proceso educativo e a súa relegación ós labores domésticos ou agrícolas mantívoa siste-máticamente incapacitada para a vida social e profesional. Na emigración a muller víuse frecuentemente sometida a formas vergoñentas de explotación e miseria, pero tamén excluída polos seus propios compatriotas das socie-dades creadas por estes, así como dos servicios médicos ou sanitarios que aquelas prestaban ós seus socios. En gran medida, as mulleres víanse marxinadas da vida social ordinaria nas mesmas colonias fundadas polos emigrantes. Mesmo en Galicia as mulleres quedaban frecuentemente excluídas do proceso educativo, en benefi-cio dos irmáns varóns, tanto nas escolas estatais ou privadas, como nas fundadas polas S. de I., agás meritorias excepcións (por ex., a U. H.-A. V. M.). Sen embargo, neste contexto e no mesmo seo das colonias de emigrados xurdiron voces criticando esta situación e esixindo a integración educativa da muller , con vistas á súa posterior e máis doada integración social e profesional. Unha destas voces críticas e proféticas, pero non a única, foi a de Mercedes Bieito Bouza, quen defendeu sempre o dereito das mulleres á educación e a se valeren por sí mesmas económicamente. Xa en 1.911 Juan Beltrán invocaba dúas razóns para reivindicalo dereito das mulleres á educación: a). O seu papel de futuras nais e, como tales, de futuras educadoras; b). A súa situación de posibles emigrantes, pois moitas mulleres, ó emigraren e debido á súa ignorancia, víanse obrigadas a ocupalos postos de traballo menos valorados socialmente ou incluso, moitas veces, a prostituirse".
Tomado de A obra educativa e cultural dos emigrados: Prensa da Emigración e Sociedades de Instrucción en Galicia (1.900-1.936), (Sada-A Coruña, Edicións do Castro, 2000), pp. 31- 32.