"A prensa galega da emigración en América constituíu un termómetro claro do espírito asociativo que, a fins do século XIX, comezara a xermolar no seo das colonias galegas, así como un poderoso instrumento de solidaridade dos emigrados entre sí e con Galicia. A aparición das primeiras publicacións da Galicia emigrada en Arxentina tivo lugar nos estertores do século XIX, caracterizándose pola súa efémera existencia. Foron a Revista Galaica (1879), de M. Barros, e El Gallego (1879-1880), de César Cisneros Luces. O baleiro que a súa desaparición deixou foi ocupado axiña por El Eco de Galicia , publicación de maior fortuna que as anteriores no que atinxe á súa duración. Aparecida o 7.2.1892 -un ano caótico para o espírito asociativo dos galegos en Bos Aires- baixo a dirección de J. M. Cao Luaces, pervivíu sen interrupción ata a morte do seu segundo director, M. Castro López, en 1926. Desde 1898, Castro López logrou editar unha publicación complementaria co título de El Almanaque Gallego, de carácter anual. "El E. de G." convertíuse "nunha das publicacións galegas máis importantes editadas no mundo da emigración". Caracterizouse por seguir unha liña moi precisa na defensa dos intereses e do prestixio de Galicia e por manter informados ós emigrantes dos acontecementos de Galicia. Contou coa colaboración dalgúns intelectuais de Galicia e amosou unha clara preocupación por salientalo papel dos galegos na historia arxentina, publicando con este fin traballos de investigación histórica debidos na súa maior parte a M. Castro López. Como a maior parte da prensa da emigración, "El E. de G." foi obra dun grupo de persoas que, con "absoluto desinterés", compatibilizaron o periodismo con actividades totalmente alleas a este, anque penosas pero máis útiles económicamente. ?El E. de G?. foi o segundo xornal con esta cabeceira que apareceu en América, pois en 1878 saíra o primeiro na Habana e posteriormente coñecéronse ata media ducia de publicacións co mesmo título. Subtitulábase como ?órgano de los gallegos residentes en las Repúblicas Sud-Americanas?. Outro paradigma da prensa da emigración foi Correo de Galicia , fundado en 1908 por J. Rodríguez Lence e Vázquez Romaguera. De orientación conservadora e monárquica -mesmo durante a II República- esforzouse sempre, sen embargo, por "prestigiar la imagen de Galicia en Argentina", segundo se afirmaba xa no editorial do seu primeiro número. Promoveu diversas campañas entre os emigrantes, máis ou menos afortunadas, pero sempre seguidas por un importante número de lectores. A defensa que fixo da actua-ción das autoridades españolas con motivo da Semana Tráxica de Barcelona custoulle o apredramento da súa redacción en 1909. Servíu de escola práctica a moitos xornalistas galegos da emigración. "C. de G." caracteri-zouse sempre pola súa vontade de supervivencia, a súa versatilidade e a adaptación ás cambiantes circunstancias socio-políticas. De feito sobrevivíu á Guerra Civil, someténdose a novas transformacións e cambios de titularidade. En efecto, en 1945 mudou o seu título polo de "Nuevo Correo". En 1965 reeditouse, nunha terceira reaparición, co mesmo título de "C. de G.", baixo a dirección de Perfecto López Romero.
Cun total de 268 publicacións contabilizadas -das cales máis de 200 apareceron en América-, a prensa da emigración representa "un capítulo importante dentro da prensa galega". Como características comúns da prensa da emigración pódense salienta-la preferencia polo réxime republicano, a preocupación pola educación, a procura da unión entre os emigrantes e da solidaridade con Galicia e cos seus problemas. A maior parte das publicacións foron fundadas polos Centros Galegos, Federacións de Sociedades Galegas, sociedades comar-cais, asociacións culturais e grupos políticos. Nelas queda reflectida a vida de Galicia, cos seus conflictos e problemas, pero tamén a existencia cotiá da comunidade de residentes, coas inevitables diferencias e enfron-tamentos entre as súas elites dirixentes. Iniciada en Cuba e Bos Aires nas dúas décadas finais do séc. XIX, a prensa galega da emigración tivo o seu momento de esplendor entre 1.900-1.945, acumulándose o maior núme-ro de títulos no período correspondente á II República e á Guerra Civil e experimentando unha forte caída des-pois de 1.939. Arxentina e Cuba, que acolleron o maior número de emigrantes galegos, contaron tamén co maior volume de publicacións editadas polas colonias de galegos emigrados. O contido destas publicacións abarcaba desde as crónicas de Galicia e a vida social dos emigrantes ata as noticias das súas asociacións, información gráfica, humor, páxina literaria, historia de Galicia, biografías, artigos sobre costumes e tradicións, publicidade, etc. Como sinala Núñez Seixas, as revistas e xornais galegos de América adoitaban ser bastante progresistas e radicais, en contraste coa tendencia conservadora dominante na prensa galega da época. Esta situación víase favorecida pola maior liberdade de prensa que existía nos países sudamericanos. Sen embargo, non sempre mantiñan unha liña política definida e acostumaban defender un galeguismo xenérico, máis ou menos matizado. En xeral utilizaron o idioma castelán nos seus escritos -agás as publicacións de tipo galeguista-, reservando o galego para a poesía, o conto e as composicións de carácter literario. Fóra das publicacións de ideoloxía nacio-nalista, resulta difícil atopar artigos de opinión escritos en galego. As funcións principais (2.1.4) da prensa da emigración consistían en servir de vínculo de unión e solidaridade entre os emigrados; actuar como vehículo de información sobre Galicia e a vida da colonia, así como de canle para o debate político-ideolóxico no seo da comunidade emigrada (cuestión foral, agrarismo, rexionalismo, etc.). En xeral, as publicacións da emigración galega en América competían en reivindica-lo prestixio social dos galegos nos países de acollida -predominantemente mediante a proposición de modelos de empresarios, intelectuais, escritores, etc.- fronte a outros grupos étnicos (italianos, centroeuropeos) socialmente mellor valorados. C. Zubillaga realizou recente-mente un estudio máis pormenorizado das funcións sociais pretendidas pola prensa galega da emigración en Uruguai, concretadas na afirmación da identidade cultural galega (recoñecemento da galeguidade); a asistencia ós inmigrantes (mediante a bolsa de traballo e a publicidade comercial-profesional); a súa organización (me-diante a constitución, apoio e promoción de asociacións formais de solidaridade); a defensa dos dereitos humanos dos inmigrantes (mediante a denuncia da actuación dos representantes diplomáticos españois en Uruguai, do tráfico das Compañías Navieiras e do expolio dos inmigrantes no Lazareto da Illa de Flores antes de chegar a Montevideo); a promoción das posibilidades económicas de Galicia (favorecendo sobre todo o fluxo exportador de productos galegos a América) e a definición das políticas pertinentes para o caso galego (estudio das relacións Galicia-Estado español, Estatuto de Autonomía, etc.). No que atinxe á tipoloxía da prensa galega da emigración, destacan sobre todo as publicacións que actuaron como voceiros de organizacións formais (Centros Galegos, federacións ou asociacións comarcais); as publicacións culturais e educativas (órganos das diversas Sociedades de Instrucción); as publicacións políticas (galeguistas especialmente, pero tamén socialistas, comunistas e anarquistas, en moito menor número) e finalmente as satíricas. En canto á periodicidade, predominaron os semarios e quincenarios, sen que existira ningunha publicación diaria, anque sí de periodicidade frecuente e regular -como foi o caso de Correo de Galicia e Heraldo Gallego (Bos Aires) e Eco de Galicia (A Habana).
C. Zubillaga describe igualmente, no mesmo traballo, catro modelos da prensa galega de inmigración en Uruguai: o xornalismo finisecular (ata a I Guerra Mundial), as publicacións dirixidas a colectividades amplas, as dirixidas a unha asociación de inmigrantes concreta e reducida e as consideradas como empresas rendibles. As características e exemplos de cada modelo aparecen descritos con amplitude no citado traballo. Cabe a extrapolación dos citados modelos á prensa doutros países de inmigración galega. Para a súa difusión en Uru-guai bastantes publicacións dispoñían de "axentes de subscrición" nas principais localidades da república. Algunhas, como Alma Gallega, chegaron a editar cinco mil exemplares de cada número entre 1.924-1.927 e 20 mil e 30 mil exemplares respectivamente en setembro e decembro de 1.936, coincidindo coa definición pro-republicana da mesma. Na II República, a prensa galega da emigración coñeceu un momento de esplendor. As principais publicacións editáronse en Bos Aires (31), A Habana (4) e Montevideo (4), sendo 13 de nova aparición neste período. Os meses de transición da Monarquía á República en España foron pródigos en noticias de cada localidade, relativas á aparición de asociacións políticas de todo tipo e ós actos de instauración do novo réxime republicano. Posteriormente producíuse un certo decaemento da euforia inicial, especialmente durante o Bienio Mouro (novembro de 1.933 a decembro de 1.935), cunha nova recuperación do entusiasmo tras a victoria da Fronte Popular. O teor da prensa da emigración dependía en gran medida do que acontecía en Galicia. A funda-ción do P. G. e a súa evolución, o Estatuto de Autonomía e as dificultades para a súa aprobación constituiron os temas de máximo interese da prensa da emigración, se ben variaron notablemente o grao de entusiasmo fronte á autonomía e a posición sobre o seu contido. As publicacións da emigración en xeral declaráronse todas gale-guistas. O P. G. recibíu o respaldo da maior parte delas. Producíuse tamén unha xeneralización do antidinastis-mo -agás no caso de Correo de Galicia-, persistindo sen embargo a norma de non definirse políticamente con excesiva precisión, a fin de evitar escisións no seo da colonia galega ou entre os seguidores da propia comar-ca. Só estaban descartados entre a prensa da emigración os partidos de dereitas non republicanos, os fascistas e, en certa medida, os comunistas e anarquistas. En síntese, a prensa da emigración significa un capítulo im-portante dentro do conxunto da prensa galega en xeral. A súa catalogación representa unha vasta e custosa empresa, que de momento só pode ser abordada de forma provisional. O elenco máis completo, ata o momento peresente, é o Repertorio da prensa galega da emigración, que forma parte do Arquivo da emigración galega e foi publicado polo Consello da Cultura Galega (1.998)".
Tomado de A obra educativa e cultural dos emigrados: Prensa da Emigración e Sociedades de Instrucción en Galicia (1.900-1.936), (Sada-A Coruña, Edicións do Castro, 2000), pp. 11-15.