Naceu en Vigo no ano 1969. É doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, cidade onde tamén se especializou en Realización e Produción no Instituto Oficial de Radio e Televisión.
Despois de ter traballado en diferentes países, atopou o seu lugar no mundo nas Rías Baixas galegas onde traballa como catedrático de debuxo no bacharelato artístico e, durante anos, colaborou no suplemento cultural do xornal O Correo Galego.
Gústalle a fotografía, a literatura, a ciencia, ir ao cine e ao teatro, facer deporte, escoitar música, viaxar e a boa mesa.
En 2018 publicou o álbum ilustrado A raíña das tortas na colección Verdemar da editorial Alvarellos. Con Indómita e a semente da inmortalidade gañou o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil "Muíño do Vento", libro publicado pola editorial Bululú en galego e castelán. No ano 2020 obtivo o 3º premio no Certame de narracións breves Manuel Murguía polo texto titulado A herdeira, relato publicado pola editorial Alvarellos nun volume colectivo titulado A garza en chamas. No ano 2021 publicou a novela Ana e as súas irmás na editorial Do Peirao e recibiu o premio de poesía Concello de Carral polo seu primeiro poemario titulado Os puntos do impacto, libro que publicou a editorial Espiral Maior en 2022. Nese mesmo ano tamén publicou, en galego e castelán, o álbum ilustrado A encantadora de serpes na colección Verdemar da editorial Alvarellos. En 2023 publicou a novela infantil A luz nos teus ollos na editorial Bululú, e en 2024 O amante expresionista na editorial Galaxia.
[Maio, 2024]