Alberto
González-Garcés

Alberto González-Garcés Santiso. A Coruña, 1950. Reside en Vigo dende 1987.

Doutor en Bioloxía mariña. Investigador en oceanografía biolóxica, especialmente sobre recursos mariños vivos. Para os seus traballos de investigación navegou polo Atlántico, Mediterráneo e Pacífico. Dirixiu a Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía. Tamén foi Director-Xerente do Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR. Foi presidente do Comité Permanente de Investigación e Estatísticas da Comisión Internacional para a Conservación dos Atúns do Atlántico e Presidente do Comité Científico, Técnico e Económico da Pesca da Comisión Europea.

Libros publicados en galego:

Alta mar, mar aberta. Editorial Medulia. 2023. 102 páxinas. ISBN 9788419438355. Prólogo de Xavier Seoane.

É un libro de poemas. Segundo Xavier Seoane no prólogo do libro:

“Alberto González-Garcés mergúllase na intimidade con vibración lírica e emotiva. No seu plantexamento poético, a esfera do persoal, as experiencias da vida, os sentimentos e pensamentos suscitados polo decorrer dos anos e dos días constitúen o eixe da atención perceptiva. Así viaxa do goce do vivido á meditación existencial e á ferida elexíaca das experiencias que o marcaron con fondas pegadas.

Neste sentido, o libro é, en certo modo, unha autobiografía poética na que, ao lado das idas e vindas polas que os labores e os sucesos o foron levando, non faltan os aspectos dolorosos da existencia. E, ao lado da fiel e sentida homenaxe á súa familia, non deixa de xurdir a preocupación pola morte e o paso inexorable do tempo: os temas de hoxe e de sempre da condición humana”.

Somos o que imaxinamos. Editorial Medulia. 2025. 244 páxinas. ISBN 9788410324558.

Sinopse.

Somos o que imaxinamos é un conxunto de 42 vibrantes relatos curtos que falan da vida e da nosa cultura. Algúns se basean en experiencias vividas, outros son pura ficción. Mitos, lendas, lecturas, viaxes, camiñar con amigos, reflexións, peixes, investigación mariña, observación do mundo e soños, ten cabida nestes apaixonantes relatos. Todos xorden de pasear con optimismo, e certa retranca, no tempo e no espazo. Unhas veces por lugares próximos, outras por ámbitos máis afastados, e as máis das veces polos íntimos e intricados sendeiros dun mesmo.

Alberto González-Garcés narra con curiosidade e sorpresa a lendaria fundación de Muros por parte de Ulises, os peixes que comía Xesús de Nazaret segundo os Evanxeos, tamén os peixes e pescados que aparecen no Quixote, o paso de Federico García Lorca por Galicia, o canto do cuco en Kioto, os seus paseos persoais por Iguaçu, Asunción, as cataratas do Niágara e por espazos máis próximos tales como San Vicente do Mar, Ons, Santa Cruz, o río Verdugo e outros. Reflexiona con pausada esperanza e chega a conclusión de que "así é a vida, somos o que imaxinamos".

[Marzo, 2025]