Alba de
Evan

Alba De Evan nace en Vigo, na provincia de Pontevedra, no ano 1987. Múdase a Ourense a finais dos 90, onde cursa Educación Secundaria Obrigatoria no IES Eduardo Blanco Amor. É aí onde comeza a escribir e participa nos primeiros concursos de relato curto.

Estuda a Licenciatura en Historia na Universidade de Vigo e o Máster de profesorado na mesma universidade. Adícase ao mundo da educación dende 2012 como profesora de Historia en Secundaria.

Froito da súa profesión, da inquedanza pola escrita e a teima por aportar o seu gran de area á educación dos máis cativos, nace a atracción pola escrita de literatura infantil e xuvenil. Estréase no mundo do conto infantil ilustrado cpn A Superavoa de Antón 2017 e La Superabuela de Antón 2017, libros editados tanto en galego coma en castelán (Ed. Meu Rei) dos que é coautora xunto con Xabier Domínguez.

A continuación escribe, xunto co seu compañeiro Xabier Domínguez, a serie de contos con temática medioambiental Naturizo (Ed. Linteo) que transcorre na Serra de San Mamede. Dende o 2017, ano da súa publicación, ata hoxe, saen publicados oito títulos distintos dentro da colección: Unha casa para o inverno, Un agasallo para Naturizo, Un perigo inesperado, Un cheiro picante, O retorno das flores, Un fogar para Marmelo, Onde está Lusco?, e Lazos de amizade.

No ano 2020, continuando no eido do público infantil, publica Fronteiras de papel (Antela Editorial), no que trata a problemática á que se enfrontan os migrantes na súa procura dun futuro mellor.

É unha dos membros fundadores de Antela Editorial, adicada á literatura infantil e xuvenil, de nova creación (2020), onde tamén exerce o papel de editora. Antela Editorial ten publicados catro títulos ata o momento: Fronteiras de papel (2020), Soños de Cajamarca, Sueños de Cajamarca e Xa non son malo (estas últimas en 2021).

No mes de maio do ano 2021 ve a luz a súa primeira novela xuvenil, Maxia de Pedra, coa Ed. Xerais, escrita xunto con Xabier Domínguez, unha historia na que mestura actualidade e fantasía, con elementos históricos da historia antiga de Galicia coma a cultura castrexa.

[Xullo, 2021]