Adolfo
Caamaño

ADOLFO CAAMAÑO, Perdecanai (Barro, Pontevedra), 1959.

Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago, e comezou estudos de Dereito na USC e de Ciencias Políticas na UNED. Foi profesor substituto en varios institutos públicos de Ensino Secundario e exerce como profesor de Xeografía e Historia e Lingua e Literatura Galegas. Na mocidade desenvolveu traballos de guía turístico en Barcelona e a costa mediterránea, Euskadi e A Rioxa, de hostelaría en La Laguna (Tenerife), de coordenador de monitores na piscina municipal das Travesas (Vigo), así como de monitor e socorrista nas piscinas de Caldas de Reis e Vilagarcía. Colaborou en varios xornais galegos como A Nosa Terra, El Correo Gallego, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, medio do que foi correspondente rural na bisbarra de Caldas de Reis, Moraña, Cuntis e Barro), Noticias do Barroso (Portugal), AG (Revista do Audiovisula Galego), e foi co-fundador da revista pontevedresa de creación literaria Hidromel. A finais dos anos 80 e comezos dos 90, en colaboración co pintor e profesor Manuel Busto, o doutor en historia Luís Martínez-Risco, o doutor en filoloxía galega Isaac Alonso Estraviz, e o padre Antonio Lourenço Fontes, foi co-organizador da Gallaecia, ciclos de conferencias de temática variada e de exposicións de pintores e escultores galegos e portugueses, cuxa montaxe se desenvolveu en Ourense, Verín, Xinzo da Limia, Celanova, e na Rexión do Norte de Portugal: Montalegre (Tras-Os-Montes), Vila Pouca de Aguiar, Ribeira de Pena, Vila Real e Porto. Por medio da Asociación Cultural Vía Gallaecia logrouse a colaboración de entidades como a Fundación Calouste Gulbenkian e, sobre todo, entre concellos de Galicia e Portugal para realizar unha variada serie de actividades conxuntas, que constituíron unha das primeiras experiencias de colaboración socio-cultural transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal. Por mor desta experiencia de iniciativa cultural galego-portuguesa participou nos grupos de traballo do eido cultural dos programas Interreg (Comunidade Europea) durante os pasos preparatorios para a creación da actual Comunidade de Traballo-Galicia-Rexión do Norte de Portugal.

PREMIOS:

- Premio de Relato Vila das Neves (As Neves, 1991): Frei Cibrán de Setados.

- Premio de Poesía Concello de Marín, (Marín, 1999): Poemario Compostelán.

- Premio de Poesía Johán Carballeira (Bueu, 1999): Poemario Irlandés.

- 2º Premio de Relato Carlos Casares do Liceo de Ourense (Ourense, 2002): A cidade dual.

- Premio de Microrrelatos Lonxa Literaria de Moaña (Moaña, 2003): Subsidio.

- Premio Benito Soto da Asociación de Libreiros de Pontevedra pola novela Soberano, como mellor libro do ano 2004.

- Premio de Poesía María Mariño no 2007: Elexía dos Aléns.

- Premio de Novela Curta do Concello do Valadouro no 2007: Un vulto sospeitoso.

- XXXIII Premio Modesto R. Figueiredo (Fundación Pedrón de Ouro) no 2008, seleccionada a publicación do relato Bonaval.

- Premio Manuel Murguía de Narrativa Breve no 2014: A gueixa no bosque de bambú.

- Premio Modesto R. Figueiredo (Fundación Pedrón de Ouro), Teo, 2015: Pinball do Pombal.

- Finalista do Premio Iberoamericano Relatos de Agua en Galego (Fundación Acuorun, Gran Canaria) no 2017: Que non chova nin a gusto de todos.

- Premio de Novela Villar Ponte (Concello de Viveiro) no 2018: Matar o heroe.

- Premio de Poesía da Casa de Galicia en Guipúzkoa (Donóstia/San Sebastián, 2019): Cartografía para contido primixenio: negro sobre branco.

- Premio Modesto Figueiredo (Fundación Pedrón de Ouro), Silleda, 2020: Derradeiras paisaxes do Conde.

PUBLICACIÓNS:

Poesía:

Poemario irlandés, 2000, Espiral Maior

Poemario compostelán, 2006.

Narrativa:

Soberano, (A Nosa Terra). 2004.

Sentidos da vida (La Voz de Galicia). 2004.

Cris Canalla: o instinto da liberdade (A Nosa Terra). 2009.

Ten ollos o mar (Revista Grial), 2013.

Matar o heroe (Editorial Galaxia), 2019.

Narrativa xuvenil:

O paxaro do mel (Fóra de Xogo. Editorial Xerais). (1ª Edición, 2006/2ª Edición, 2007/E-book, 2017).

En publicacións colectivas (Narrativa e poesía):

O trazo aberto, 2002, Deputación de Pontevedra.

Alma de beiramar, 2003, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Cartafol poético para Alexandre Bóveda, 2006, Espiral Maior.

O carballo de Santa Margarida. 2007. Caixanova-Concello de Pontevedra.

Pontevedra Literaria (antoloxía). 2007. Caixa Galicia-Concello de Pontevedra.

Bonaval, 2008. Edicións do Cumio (Modesto R. Figueiredo, Fundación Pedrón de Ouro).

Maregrafías (Anxo Cabada). 2008. Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Deporte.

O Carballo do Pelete. 2011. Deputación de Pontevedra.

A gueixa no bosque de bambú, A garza insomne. 2016. Galaxia.

Que non chova nin a gusto de todos, Acuamag, 2017. Fundación Acuorum (Gran Canaria).

Elexía dos Aléns (XII Anos de Andaina do Premio de Poesía Maria Mariño. Asociación Teenses pola Igualdade), Editorial Medulia, 2019.

Curtametraxe:

Sentidos da vida. Baseada no relato do mesmo título publicado en La Voz de Galicia (2004), dirixida por Sara Casal, realizada por alumnos do IES Audivisual de Vigo e interpretada por alumnos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD). 2015. A curta foi premiada coa Ostra de Pedra á mellor produción.

[Xaneiro, 2023]