Adolfina Mesa, poeta e pintora venezolana, reside en Galicia onde desenvolve as súas facultades como poeta e artista. Participa activamente en exposicións de pintura individuais e colectivas tanto en España como fóra dela, tendo no seu haber unha ampla lista de exposicións. De feito, a súa pintura e a súa poesía van incluídas en diversos poemarios internacionais.
Como poeta ten publicado ata o momento o libro individual, bilingüe castelán-galego, Poemas y catarsis, en outubro de 2017. A súa poesía caracterízase por amosar as liñas intimista, romántica, tráxica, suxestiva, entre outras, destacando un matiz crítico e explosivo no seu versar. Ten como referentes literarios a escritores da categoría de Mario Benedetti, Pablo Neruda ou Alejandra Pizarnik.
Colabora en varias publicacións colectivas a través do Roteiro das Artes, en Galicia e a nivel internacional. Asemade, os seus escritos forman parte do corpus literario de revistas como Xistral, aquela publicación á que lle deu vida o gran poeta Manuel María, e que na actualidade difunde a Concellaría de Cultura do Concello de Lugo. Sen esquecer que tamén deixou froito da súa arte no libro colectivo en homenaxe ao poeta de Outeiro de Rei.
En datas recentes, os seus poemas pasaron a formar parte da Colectânea de Poesia Luso-Galaica coordinada por Ester de Sousa e Sá, e que xa foi presentada na localidade portuguesa de Espinha e mais en Ribadavia (Ourense).
[Febreiro, 2020]