
Rocío Otero González naceu en Lugo o 4 de decembro de 1980. A súa paixón dende nena foron os libros, feito que motivou que as súas eleccións académicas e profesionais se encamiñasen cara ese eido. Estudou Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña e, posteriormente, Filoloxía Inglesa na UNED, ao tempo que cursaba un mestrado en Edición e comezaba a impartir aulas de linguas (castelán, galego e inglés).
No ano 2015, despois de traballar coma guionista, correctora, tradutora, profesora e editora, entre outros, decidiu virar a súa traxectoria profesional cara á creación literaria, tanto en castelán coma en galego.
Comezou autopublicando en Amazon as súas primeiras novelas en castelán, baixo o pseudónimo de Abril Camino, que aínda utiliza, ata que en 2018 varias editoriais quixeron contar con ela. Publicou unha novela co grupo Urano en 2018, outra en Penguin Random House no 2019 e, no período entre 2022 e 2024, tres títulos coa Editorial Planeta.
No ano 2023, virou a súa traxectoria literaria cara ao galego e decidiu presentar un dos seus manuscritos nesta lingua a concursos literarios, na procura dunha oportunidade no sector. No ano 2025, foi galardoada co XLII Premio Xerais de Novela por Mulleres que viven xuntas.
Ademais da súa tarefa como autora, dirixe unha empresa de servizos editoriais e é coautora do podcast de temática literaria «Desquiciadas de libro».
[Outubro de 2025]
