Abraham
Pérez

Abraham Pérez (Lugo, 1990) é graduado e mestrado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela; ademais cursou estudos de guionista. É autor do diario Gaivotas manchadas de petróleo (Menino Morreu, 2024), da novela O paso en falso (Editorial Galaxia, 2023: Finalista do XXXIV Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega), do ensaio Sacho de seda (Menino Morreu, 2023) e dos libros de poemas: o corpo transparente das horas (Editorial Galaxia, 2022), unha teoría para os espectros (Toxosoutos, 2021: gañador do 2º premio do III Certma de Poesía Torre de Caldaloba) e Fragmento/Creba (Editorial Galaxia, 2020). En maio do 2021 acadou o Accésit no XXV Certame Francisco Añón de Poesía convocado polo Concello de Outes coa obra toxicidade. Foi un dos artistas seleccionados para desfrutar da Reisdencia Artística Mariñán de literatura e pensamento no ano 2022 convocada pola Deputación da Coruña; e da Residencia de creación literaria Illa de San Simón no 2023, convocada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Parte da súa obra foi traducida ao portugués e o español, e, en breve, aparecerá en francés.

Colaborou con museos e galerías de arte realizando intervencións nas que mestura o pensamento filosófico, a literatura e a arte conceptual.

Amais, ten colaborado con distintos medios e revistas especializadas como Grial, Luzes, Praza Pública, Dorna: expresión poética galega ou Xistral, entre outras.

Convén sinalar que a súa obra está presente en diferentes antoloxías, así como que forma parte do grupo poético Lupercais.

[Outubro, 2024]