Co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo
Foto da actividade

Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana AcuñaFélix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros SollaXurxo Souto, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestra e Mestras/es da Memoria 2025 respectivamente a María da Vrea e ao Equipo Chaira, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

As distincións entregáranse no marco da X Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo, que terá lugar o 24 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n) a partir das 18:00 horas, con entrada libre até completar capacidade.

No acto, conducido por Lois Pérez, participarán Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Calros Solla, quen vai ler a laudatio de María da Vrea, e Xosé Miranda, quen vai ler a laudatio do Equipo Chaira.

Acompañamento musical de Sés e coa intervención de María da Pontragha.

 

María da Vrea

Folgoso (Cerdedo-Pontevedra),1933

Centos de coplas, cancións, adiviñas ou trabalinguas que superan o milleiro adornan o percorrido vital de María da Vrea, veciña natural da parroquia de Folgoso (Cerdedo, Pontevedra), María Fraíz Canaval (María da Vrea), de noventa e dous anos. María naceu na casa da Vrea e lugar de Covas o 3 de agosto de 1933. A máis nova de catro irmáns, María é filla de Ramiro Fraíz Iglesias (A Insua-Castrelo) e de Xosefa Canaval Matelo (Folgoso). O seu nome de pía enféitase co chamadeiro da Vrea –locativo–, xa que a casa familiar se ergue ao pé da Vrea Vella (Verea Vella), unha ancestral vía de comunicación que atravesaba, de oeste a leste, o sur do territorio de Cerdedo (hogano, só se conservan retallos). María foi un case nada á escola «Aprendín as catro reghras e pouco máis», porén soletreou dende cativa un moito do catecismo do labrego, é dicir, da vida suxeita e sacrificada do agro. Ela mesma recorda o que se dicía daquela: «O traballo do neno é pouco, e quen o desproveita é un louco». O migallo que asistiu á escola rendeulle ben, pois, amais da lectura, da escritura e dos rudimentos matemáticos, boa parte do seu repertorio en castelán (romances, cancións, oracións...) deprendeuno na unitaria de Folgoso (escola mixta con tabique segregador), ao coidado da mestra Manuela Cachafeiro: «Liamos esas poesías nos libros, e a min quedábanme». Se había que atender a visita do inspector e María non estar presente, a mestra non dubidaba en ila buscar á casa, para deixar a institución docente en bo lugar. A memoria da cativa era un valor seguro.

 

Equipo Chaira

Provincia de Lugo,1992

O Equipo Chaira comezou a súa andaina en 1992, hai máis trinta anos. Os integrantes, entón persoal adscrito ao Museo Provincial de Lugo, Mercedes Salvador, Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba e Antonio Reigosa, comezaron a súa actividade co obxectivo de facer un inventario exhaustivo, o máis completo posíbel da literatura de tradición oral dos concellos da Terra Cha. Recolleron inxentes testemuños das 68 parroquias dos  concellos de Abadín, Begonte e Vilalba. O resultado daquelas campañas foron moitas horas de gravacións en cintas magnetofónicas, horas dedicadas ás transcricións que se arquivaron e numerosos textos dos que se chegaron a publicar unha pequena parte baixo o título Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín en 2004.

Máis aló do proxecto Terra Cha, o Equipo Chaira seguiu o seu camiño realizando traballos de campo en varios lugares da provincia de Lugo, como é o caso do feito, este tamén intensivo, no concello da Pontenova a partir de 1996, e outros con menor alcance xeográfico en Candelos, Arroxo, na Fonsagrada, e varias sesións na Casa da Fonte de Esmeriz, en Chantada. O resultado do recompilado no concello da Pontenova editouno o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo en 1998, e reeditouno en 2004, co título Polavila na Pontenova. Lendas, contos e romances.