Do 19 de setembro de 2025 ao 20 de setembro de 2025
Organizado pola AELG, coa participación da AELC e da EIE. Conta co apoio de CEDRO, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago
Foto da actividade

Fundada formalmente en 2008, e con precedentes de encontros anuais históricos celebrados desde 1984, a Federación Galeusca está formada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC). Representa 2800 autoras e autores, tanto escritoras/es como tradutoras/es.

Neste espazo de diálogo puxéronse en común perspectivas sobre a creación escrita nos nosos tres sistemas literarios recuperando e ampliando, deste xeito, os vínculos e as reflexións conxuntas levadas a cabo en anteriores encontros, centrándose, neste caso, en aspectos como o impacto da Intelixencia Artificial desde a perspectiva das linguas e literaturas minorizadas ou a literatura de tradición oral.

 

O programa foi o seguinte:

 

Venres, sexta feira, 19 de setembro de 2025

- Pola tarde. Chegada das persoas participantes a Santiago de Compostela.

- 19:15 h. Recepción na Alcaldía de Santiago, por Goretti Sanmartín.

- 20:30 h. Roteiro por Compostela, principalmente para as delegacións participantes, guiado por Daniel Asorey. O punto de partida foi a Praza do Obradoiro.

 

Sábado, 20 de setembro de 2025

Entrada libre até completar a capacidade do espazo.

Museo do Pobo Galego (Sala de actividades da ala sur do Museo) (Google Maps) Pola mañá. Pode verse tamén nesta ligazón.

- 11:05 h. Apertura por representantes das tres asociacións.

- 11:20 h. Relatorio inaugural sobre a traxectoria de Galeusca a cargo de Goizalde Landabaso, acompañada por Sebastià Portell (presidente da AELC) e Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG). A versión en galego do relatorio de Goizalde Landabaso pode descargarse aquí.

- 11:40 h. Acto aberto de reflexión sobre Galeusca con representantes das tres entidades, moderado por Marta Dacosta.

- 12:45 h. Diálogo sobre Intelixencia Artificial desde a perspectiva das linguas e literaturas minorizadas, con Rubén Cela, Ania González Castiñeira e Sebastià Portell.

 

Museo do Pobo Galego. Pola tarde. Pode seguirse tamén en directo nesta ligazón.

- De 16:30 a 17:30 h. Mesa redonda sobre literatura de tradición oral, coordinada por Antonio Reigosa. Con Oihana Arana e Amaia Elizagoien (Euskadi), Joan Borja (Països Catalans), Alba María (Galiza) e Rita Sineiro (Portugal).

- De 17:30 a 17:50 h. Lectura pública das conclusións do Galeusca 2025, por parte das tres asociacións.

 

Igrexa de San Domingos de Bonaval. Pode verse tamén directo nesta ligazón.

- 18:00 h. Lectura da Declaración de Compostela-Bonaval.

- De 18:30 a 20:00 h. Acto de clausura coordinado por Lois Pérez, con improvisación entre regueifeiras (Alba María e Lupe Blanco), bertsolariak (Oihana Arana e Amaia Elizagoien) e glosadors (Miquel Àngel Adrover e Berta Llos). Peche musical con Ugia Pedreira.

 

 

 

MANIFESTO DO ENCONTRO GALEUSCA 2025

As tres asociacións que formamos Galeusca (AELC, AELG, EIE), reunidas en Santiago este 20 de setembro de 2025, declaramos o noso compromiso para continuar coa reactivación da nosa actividade conxunta, compartir actuacións literarias e culturais e intercambiar experiencias socialmente relevantes. É dicir, para seguir creando pontes de conexión e comunicación.

Constatamos que somos entidades que aglutinamos a 3.000 persoas escritoras, representando a máis de 15 millóns de falantes potenciais no mundo. Somos literaturas e culturas cunha grande bagaxe literaria e histórica e temos na literatura oral un dos nosos grandes alicerces.

A pesar dos longos séculos de historia de minorizacion, persecución, represión e das ofensivas legais, soubemos resistir e adaptarnos ao paso do tempo. A complicidade das nosas linguas non hexemónicas reuniunos no seu día para fundar Galeusca, e mantemos o obxectivo de dar continuidade á nosa alianza.

Desde a liberdade de creación e a firme defensa dos dereitos humanos, queremos solidarizarnos co pobo palestino e condenar rotundamente o xenocidio que está a perpetrar o Estado de Israel.