O poeta é un mineiro, e baixo terra, baixo a codia retorta e torturada da palabra, na entrana perforada, busca o tesouro que o rochedo encerra. Un tesouro que chora, e canta, e berra, ave non morta, pero si enterrada, ata que a resucita cunha eixada, cun verso, cunha pá que o desenterra. O poeta é un zahorí que busca a veta de auga tras mil anos de secura, atento ó máis oculto e máis profundo. Un poceiro que fura é o poeta, cavando sen acougo a pena dura, ata que xorde a auga e inunda o mundo. |